Pepe Callos e Manu Gómez promocionaron a gastronomía galega na cidade francesa de Quimper

O alcalde de Ourense recibiunos na Alcaldía

Ourense | Gonzalo Pérez Jácome, alcalde de Ourense, recibiu no salón de plenos a José Antonio Pérez Rodríguez, popularmente coñecido como” Pepe Callos”, e a José Manuel Gómez Vicente, Manu Gómez, chef rianxeiro campión do mundo de cociña contemporánea.

Recentemente foron convidados a participar na terceira edición da Semana de Cultura e Gastronomía de Galicia, organizada polo comité de irmandamento da cidade francesa de Quimper coa cidade de Ourense.

Alí elaboraron unha comida tradicional galega para duascentas persoas e impartiron obradoiros de elaboración de platos típicos da nosa gastronomía, como o cocido ou a caldeirada de raia, entre outros.

Por solicitude da cidade de Quimper, que desde hai anos está irmandada coa cidade de Ourense, o alcalde fíxolles entrega dos diplomas acreditativos da súa participación no evento.