Pepe Araújo: “A moderación é máis necesaria que nunca”

O portavoz de Cidadáns en Ourense intégrase no comité autonómico como coordinador provincial

Ourense | O portavoz municipal de Cidadáns en Ourense, Pepe Araújo, asegurou que “asumo este reto con moita ilusión e nun momento de máxima crispación política, onde a moderación é máis necesaria que nunca”. Así se manifestou tras incorporarse ao Comité Autonómico de Cidadáns en Galicia e asumir o cargo de coordinador na provincia de Ourense.

“Durante todos estes meses, coa situación de bloqueo que vive o Concello de Ourense, comprobamos que tanto PP como PSOE non son útiles a esta cidade nin a esta provincia, que leva anos marxinada”, recalcou Araújo, quen engadiu que “coa política actual tan polarizada, un proxecto de centro e moderado é máis necesario que nunca”.

Araújo recoñeceu que a formación vive momentos complicados porque o centro “sempre é incómodo e os demais partidos quérennos fóra” pero insistiu en que a súa prioridade é dar voz a Ourense e que conta cun equipo disposto a traballar por iso. “Todos os que tiñan intereses persoais e non tiñan convicción neste proxecto fóronse, agora estamos os que por encima de todo cremos nun Ourense mellor”.