Paloma Castro preséntase ás primarias do PSdeG de Pontevedra

Cun proxecto "de militancia, feminista e de esquerdas"
Paloma Castro presenta un proxecto “en positivo” e “a carón da militancia”.

Pontevedra/PSdeG | A deputada pontevedresa Paloma Castro reinvidincou hoxe a súa precandidatura á Secretaría Xeral do PSdeG da provincia de Pontevedra “en positivo” e “a carón da militancia”.

“Precisamos dar voz a unha provincia na que todo o mundo ten que ser escoitado, dende a militante da agrupación máis pequena ata o máis alto cargo representativo do partido”, sinalou a dirixente socialista, quen decidiu “dar o paso” de encabezar a candidatura defendendo “un proxecto en positivo de esquerdas, feminista e participativo para fortalecer o partido a carón da militancia”.

Ao fío disto, destacou que “cómpre un modelo de partido no que se reforce o papel da militancia para que esta poida ter voz nos aspectos máis transcendentais, no que se garanta a transparencia e a democracia nos procesos internos e no que se potencien as pequenas agrupacións”, de xeito que “todas e todos os militantes sexamos iguais”.

“É o momento de reivindicar, máis ca nunca, un PSdeG de esquerdas e feminista”, incidiu a socialista tras asegurar que “o feminismo é tamén o camiño para ter unha sociedade mellor”.

“Dou este paso consciente da necesidade que existe de que as mulleres demos pasos adiante para transformar a sociedade”, subliñou, antes de destacar que “o fago despois de escoitar a moitas compañeiras e compañeiros”. “É bo que as mulleres ocupemos máis espazos”, sinalou, xa que “a nosa forza colectiva é moi necesaria na vida política”.

A socialista, que é a primeira muller que opta á Secretaría Provincial de Pontevedra, incidiu en que “temos que loitar pola parte alícuota que nos corresponde tamén nos postos máis representativos”, polo que “hai que incorporar esta realidade a un mundo do que somos partícipes e tamén ao noso partido”.

“Un Partido forte”
Con todo, Castro avoga por “tecer un partido con espazos para todo o mundo para así ser máis forte”. “Precisamos fortalecer o PSdeG dende a nosa provincia sumando ás diferentes sensibilidades existentes”, apuntou, facendo fincapé en que “non podemos esquecer que o adversario está fóra e chámase Partido Popular de Galicia”, sentenciou.

“Temos que conseguir chegar ao tecido social, aumentar a nosa presencia na rúa e achegarnos á mocidade para poder así ampliar as nosas bases, a nosa militancia, xa que só así poderemos manternos como un partido de referencia”, concluíu.

Nada en Pontevedra en 1981, Castro é licenciada en Dereito pola Universidade da Coruña e exerceu, durante máis dunha década, como avogada especialista en dereito civil, dereito de familia, dereito penitenciario e violencia de xénero.

No plano político, foi concelleira de Benestar Social no Concello de Pontevedra e, dende o ano 2020, é deputada e viceportavoz do Grupo Socialista no Parlamento de Galicia. Afiliouse ao PSdeG no ano 2003, despois de militar en Xuventudes Socialistas, “para combater a desigualdade e poder dar unha resposta aos problemas sociais dende a esquerda”.

“Tiven a sorte de nacer nunha familia con moito compromiso socialista onde a política sempre estivo moi presente, tanto é así que xa nos anos 90 axudaba na sede do partido á miña avoa, que entón era concelleira e é un referente político para min”, sentenciou.