Palestina.

Ver ao embaixador israelí Gilad Erdan ‘triturar’ literalmente a Carta Fundacional da ONU durante unha Asemblea Xeral o pasado 10 de maio na que 143 países membros pedían ampliar os dereitos de Palestina para ser Estado pleno do organismo certifica o permanente drama que ten sofrido o pobo palestino coa ocupación militar israelí, hoxe maximizada nunha guerra en Gaza que espalla a traxedia humanitaria. O desprezo israelí pola legalidade internacional é tan patente como o que ten aplicado cos palestinos nestes 76 anos de expolio, resistencia e ocupación.

Este 15 de maio conmemórase a Nakba, a traxedia dos refuxiados palestinos trala creación do Estado de Israel en 1948. Foi a primeira gran crise da nacente ONU a tal punto que este organismo creou un ano depois a UNRWA, a Oficina da ONU para os refuxiados palestinos. Esa mesma oficina que hoxe os extremistas israelís convidan a atacar e queimar como ‘triturar’ fixeron coa Carta da ONU.

O momento actual non é moi diferente ao de 1948. Gaza é un territorio de exterminio por parte de Israel expulsando a máis dun millón de palestinos dos seus fogares. E todo isto ante a impávida mirada internacional que presencia un xenocidio en vivo e directo.

“Algo ten cambiado na opinión pública mundial co respecto á traxedia palestina”

Con todo algo ten cambiado na opinión pública mundial co respecto á traxedia palestina. Sen o boicot oficial por parte da organización, como sí o fixo con Rusia e Bielorrusia desde a invasión de Ucraína de 2022, o público de Eurovisión amosou o seu desprezo pola representación israelí durante a súa actuación o pasado 11 de maio. As acampadas universitarias en EEUU e Europa, con represión engadida das autoridades e organismos policiais, a favor de Palestina son outro feito relevante. A sociedade, a diferenza da política, vai moitas veces noutra dirección.

Desoíndo incluso as advertencias do seu aliado estadounidense, o goberno de Benjamín Netanyahu activa outra limpeza étnica ocupando militarmente a localidade de Rafah. O obxectivo é expulsar aos palestinos cara uns veciños árabes que se ben oficialmente amosan a súa solidariedade cos palestinos, na realidade activan tamén unha manipulación propagandística. Os palestinos son cidadáns sen terra no seu fogar e cos seus veciños.

Nun ano electoral chave en EEUU no que se asoma o posible retorno á Casa Branca dun aliado irrestrito de Netanyahu como Donald Trump, Tel Aviv busca prolongar unha guerra que cada vez máis comeza a incomodar a unha administración Biden atrapada en dous conflitos, Ucraína e Gaza, sen capacidade de manobra para impulsar unha saída pacífica e torpedeando todas aquelas iniciativas de negociación (China, Turquía) que afecten os seus intereses estratéxicos que se limitan a seguir mantendo a Israel impune, así tomes distancia con Netanyahu.

Pero algo ten cambiado tamén nun Oriente Próximo lastrado polos intereses exteriores pero que hoxe comeza a tentar fraguar o seu propio camiño. A teatral confrontación militar directa entre Israel e Irán en abril pasado deu un xiro xeopolítico estratéxico. Teherán confirmou que se pode responder militarmente a un Estado israelí que, por outra banda, tamén gaña aliados na rexión, dende Marrocos ata o Golfo Pérsico.

Este 15 de maio, o persoal docente galego tamén solidarízase co pobo palestino. Docentes con Palestina fai un chamamento para levar vestida unha kafuya nesa conmemoración número 76 da Nakba.

Analista de xeopolítica e relacións internacionais. Licenciado en Estudos Internacionais (Universidade Central de Venezuela, UCV), magister en Ciencia Política (Universidade Simón Bolívar, USB) e colaborador en think tanks e medios dixitais en España, EE UU e América Latina.

Deixa unha resposta

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.