O ensino galego con Palestina

Os docentes amosarán a sá solidariedade co pobo palestino o 15 de maio, Día da Nakba

Santiago de Compostela | O xenocidio contra o pobo palestino a mans do Estado de Israel persiste e agrávase. Van máis de sete meses de ataques indiscriminados contra a poboación civil en Gaza, máis de catorce mil crianzas asasinadas, perante a inacción cómplice dos grandes poderes a nivel mundial.

Agora mesmo o exército israelí, desoíndo todas as resolucións da ONU, adéntrase en Rafah e, tal e como recoñecen algunhas autoridades internacionais, isto provocará unha crise humanitaria aínda maior da que xa se está a sufrir.

A comunidade educativa non merece tal nome se non defende a paz e a xustiza. En consecuencia, ten que reaccionar ante unha situación desta gravidade e, nalgunha medida, está a facelo xa. Así, asistimos nas últimas xornadas a unha sucesión imparable de protestas en multitude de universidades de diferentes países.

No noso eido de acción, o colectivo Docentes con Palestina, conformado por profesionais do ensino de distintos niveis educativos do sistema público galego, convocou o pasado 12 de abril unha concentración en solidariedade co pobo palestino á que se adheriron decenas de centros en toda Galicia. Pero cómpre seguir dando pasos, cómpre seguir alzando a nosa voz. Como a alzou Luísa Villalta, autora homenaxeada nas Letras Galegas deste 2024, que estamos a piques de celebrar, cando escribiu: “Por iso pido a paz / pido a paz e un estado popular / para o pobo pobre / débil coma min en Palestina”.

Por iso mesmo, Docentes con Palestina chama a unha nova mobilización nos centros educativos o próximo 15 de maio, coincidindo co Día da Nakba. Este termo árabe, traducido como “catástrofe”, garda a lembranza do primeiro grande episodio de asoballamento da poboación palestina por parte dun Estado de Israel que daquela, no ano 1948, viña de se fundar.

A contrapartida desa fundación foi o borrado xeográfico de Palestina e o desmembramento da súa sociedade: milleiros de familias palestinas foron privadas das súas terras e expulsadas dos seus fogares, véndose obrigadas a se refuxiar en campos superpoboados, con condicións de vida pésimas e sen acceso a servizos esenciais. Na actualidade, setenta e seis anos despois, hai rexistradas máis de cinco millóns de persoas palestinas refuxiadas ás que Israel, conculcando todos os tratados internacionais, segue a lles negar o dereito a retornar ao seu territorio. A historia, pois, non comezou o 7 de outubro de 2023.

E porque non comezou o 7 de outubro, Docentes con Palestina convida a todos os membros da comunidade educativa a facer un exercicio de memoria histórica e conmemorar a Nakba acudindo o vindeiro 15 de maio aos centros educativos coa kufiya (pano típico da vestimenta da rexión que se leva no pescozo).

De cara a lle dar repercusión á acción sacaranse fotografías e difundiranse despois nas redes sociais co cancelo #oensinogalegoconpalestina. En sinal de condena das atrocidades do Estado de Israel, en sinal de solidariedade co pobo irmán de Palestina, o 15 de maio leva unha kufiya.

Para máis información, poden dirixirse a estas persoas

Alexandra Cabana Outeiro: 609 17 58 16
Lourdes Ferreiro Díaz: 639 61 93 62
Paulo Jablonski García: 666 93 43 47
Miguel Paz: 660 59 64 52

Deixa unha resposta

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.