Paco Rodríguez (PSdeG) comprométese a recuperar o Outono Fotográfico en Ourense

Co obxectivo de conseguir que a cidade sexa Capital Europea da Cultura 2031

Ourense | O PSdeG-PSOE de Ourense presentou hoxe as medidas no ámbito cultural incluidas no seu programa electoral para conseguir que a cidade volva a ser un referente. Nunha rolda de prensa o candidato á Alcaldía dos socialistas, Paco Rodríguez, incidiu na importancia de que a concellería recupere o seu nome e funcións orixinais.

Ao acto asistiron tamén os membros da candidatura Manuel Freire e José Ramón Morgade, que explicaron polo miúdo o compromiso da formación para recuperar o festival do Outono Fotográfico e crear un premio neste eido que leve o nome de Benito Losada. “Foi un referente importantísimo da Casa da Xuventude e para a cidade”, argumentou o primeiro.

Nesta mesma liña, afirmou que promover un bono cultural redistributivo, para as persoas e a xuventude máis desfavorecidas, permitiría a tódolos ourensáns e ourensás asistir a obras de teatro, concertos ou actos culturais e que sería outra das medidas que levaría a cabo o PSdeG-PSOE na cidade no caso de gobernar despois das eleccións municipais do 28 de maio.

“Reabrir o espazo Lusquiños sería importante en tanto que os grupos novos de música que se creaban na cidade tiñan nel un local no que ensaiar e gravar as súas maquetas para despois editar un disco”, explicou. Tamén mencionou a relevancia de tódalas artes escénicas cos múltiples festivais de teatro e danza polos que Ourense era coñecido non só a nivel nacional, senón que tamén tiñan proxección internacional.

“É importante lembrar que a ausencia de cultura no afectou só aos espectadores e cidadáns que foron privados dunha oferta ampla, variada e para tódolos públicos. Tamén perxudicou ás empresas que se adicaban a este sector e tiveron que buscar traballo noutros lugares”, sinalou Freire. “Non podemos esquecer que as festas dos barrios e populares son só unha parte da cultura, pero a cultura non se limita só a este tipo de celebracións”, engadiu.

Capital europea
Pola súa banda, José Ramón Morgade expuxo no encontro cos medios de comunicación a intención de propoñer que Ourense sexa candidata para a Capital Europea da Cultura no 2031. “Xa hai outras cidades de España traballando para conseguir esa capitalidade e nós teriamos que poñernos a elo rapidamente para chegar en tempo e prazo ao 2025, que é cando hai que presentar a candidatura”, comentou.

Para elo elaboraráse o plan “Auria 2031, cultura e auga” logrando que sexa punto de referencia no noroeste peninsular. “Será un plan de traballo que marque os obxectivos, e estableza os tempos intermedios que se irán executando de maneira gradual. A este programa acompañaralle un plan de execución que mostre os avances dos dous camiños apuntados: a construción cultural da cidade e a estratexia institucional a levar adiante. Crearemos un padroado ou fundación que dirixirá todo o proceso e que a vez será o nexo de unión co resto das administracións implicadas”, subliñou Morgade.

Audios de Gonzalo Pérez Jácome
Cuestionado polas últimas gravacións feitas públicas do actual alcalde da cidade nas que sostén que pode manexar diñeiro en negro para a campaña electoral, e sobre as coñecidas durante o fin de semana nas que pedía a traballadores co Concello que asumisen a multa do vehículo que el mesmo conducía, Paco Rodríguez respondeu que espera que a Xustiza investigue o que está a acontecer.

“A semana pasada saltaron aos medios de comunicación dúas actuacións, dos dous máximos representantes das institucións local e provincial, relacionadas con sancións por exceso de velocidade e pola utilización de transporte oficial para servizos privados”, indicou ante os micrófonos o candidato á Alcaldía do PSdeG-PSOE. “E creo que ninguén se cre as explicacións de que o alcalde estaba traballando o fin de semana en Vigo ou de que o presidente da Deputación ía a cumprir coa súa axenda a Madrid”, destacou.

Así mesmo, insistiu en que ambos representantes entenden que o servizo público que deben dar é similar a facelo desde “fincas particulares nas que poden facer e desfacer o que lles pete”. “No fondo, estes responsable políticos actúan con impunidade porque teñen interiorizado que as institucións lles pertencen. Estamos seguros de que o próximo día 28 a sociedade ourensá vai ter unha resposta democrática contundente. E paréceme moi ben que por parte do PP se denuncie a actuación do alcalde, pero entendo que deberían ter a mesma vara de medir co presidente da Deputación”, finalizou.