Ourense reforza o cadro de persoal dos bombeiros

Coa incorporación de 12 novos efectivos, un incremento dun 30%

Ourense | O Concello de Ourense reforza o cadro de persoal do Servizo de Extinción de Incendios e de Salvamento coa incorporación de doce novos efectivos. No salón de plenos tivo lugar a toma de posesión de 12 novos bombeiros condutores, que se incorporan ao cadro de persoal municipal.

Coa culminación do proceso selectivo destes efectivos, o cadro de persoal dos bombeiros da cidade aumenta de 41 a 53 profesionais, na que constitúe “a maior incorproación de efectivos de bombeiros case da historia de Ourense”, segundo subliñou o alcalde de Ourense, Gonzalo Pérez Jácome, xa que a súa incorporación permite incrementar nun 30% a dotación de recursos humanos deste servizo municipal.

Chegan 12 agora “e non serán os últimos”, avanzou o rexedor, quen destaca que “solucionamos así un problema de efectivos que tiñamos desde hai lustros”, e cuxas consecuencias se manifestaban especialmente nas épocas de verán, facendo que en ocasións o servizo “quedase en cadro”.

Os novos bombeiros da cidade, que hoxe tomaron posesión, asistirán agora a dous cursos de formación e estarán operativos desde o día 5 de marzo.