Ourense acolle a exposición ‘Castelao grafista (facsímil)’

Cunha ampla selección das múltiples facetas desenvolvidas por Castelao

Ourense | “A vida de Castelao é un manifesto multixénero de comunicación e enxalzamento da memoria, a identidade e a singularidade do pobo galego, pois entendo que poucos artistas exerceron unha autoridade por encima das correntes do seu país como así o fixo Castelao”. Deste xeito, o delegado territorial da Xunta en Ourense, Gabriel Alén, referiuse á figura de Castelao na inauguración da exposición ‘Castelao grafista (facsímil)’, que se vén de abrir no local da Afundación Obra Social ABANCA da capital das Burgas.

Para o delegado territorial, Castelao posuía o don persoal da comunicación; e desde a perspectiva dese don, desenvolveu esa calidade para comunicarse cos demais coa maior sinxeleza e a maior beleza, transmitindo espontaneamente as imaxes, os ditos, as mostras populares de expresión, que se tiñan adherido aos recordos, ás evocacións, e ás súas vivencias diarias que adoitaba madurar con paciencia e reflexión no seu interior.

Gabriel Alén subliñou que a verdadeira paixón de Castelao era Galicia, pois aínda que exercera de “caricaturista, debuxante, ilustrador, columnista, escritor, pintor, escenógrafo, ensaísta, historiador, etnógrafo, teórico, político; oficios todos que exerceu con mestría. Pero si a cada un e nos se nos preguntase realmente cal foi a profesión e a ocupación de Castelao, teño o convencemento que todos coincidiriamos na resposta, e que aquí, neste certame, se manifesta con claridade: Galicia”, sentenciou o delegado territorial.

Para Castelao -subliñou Gabriel Alén- a vida está chea de senso, aínda que os homes se empeñen en envolvela e confundila; el era da idea que o que ha de vir sempre será mellor co que xa está vido. Desde esa continxencia −continuou o delegado territorial− ningún fenómeno artístico, nin político da época foi alleo á súa curiosidade.

Tanto é así, que a vida de Castelao, ademais de ter sido unha parte prioritaria dos temas da súa obra, foi creada por el con coidadoso agarimo; e vida e obra confúndense a miúdo nalgúns dos autorretratos dos seus óleos e debuxos como nalgunhas narracións de ‘Retrincos’ ou de ‘Cousas’; e que nesta magnífica exposición quedan reflectidas.

A exposición
‘Castelao grafista (facsímil)’ é unha proposta que reúne unha ampla selección das múltiples facetas desenvolvidas por Castelao: textos, ilustracións, deseños, fotografías, publicacións, etcétera. O obxectivo é facelo máis visible internacionalmente e establecer unha rede de bibliotecas nas que se poida consultar e estudar a súa obra.

“Castelao grafista (facsímil)’ é unha proposta que reúne unha ampla selección das múltiples facetas desenvolvidas por Castelao: textos, ilustracións, deseños, fotografías, publicacións”

Conforman a mostra 3 retratos fotográficos, 4 caricaturas, 89 debuxos da serie Cousas dá vida e 17 debuxos e portadas de revistas. Ademais poderase ler o texto orixinal do Albún Nós e contemplar 2 manuscritos de Castelao, 18 portadas das primeiras edicións dos libros de Castelao, 3 páxinas interiores, 14 portadas de libros ilustradas por Castelao e 3 debuxos.