Óscar e Alba Guzmán, autores de “Os segredos de Teresa” e “Xoaniña de Deus”

Pai e filla comparten a literatura como segunda ocupación

Ourense | A editorial Toxo Soutos, de Noia, sacará ao mercado este ano a terceira edición de “Os segredos de Teresa”, do autor ourensán Óscar M. Guzmán.  A primeira edición é de setembro de 2021 como resultado do traballo dun ano de Guzmán que aproveitou o tempo de pandemia para escribir esta novela negra e de intriga, pero tamén didáctica que enlaza capítulos e o último acaba no antigo cemiterio municipal de Ourense.

Óscar M. Guzmán é de profesión operario de zonas verdes dependente da Deputación de Ourense. Xa desde curta idade tivo moita ilusión pola lectura e posteriormente tamén pola escritura. A súa primeira novela, tamén editada en castelán, foi comentada no club de lectura do barrio de Seixalbo (Ourense) e na biblioteca pública da provincia.
“Xoaniña de Deus”

A súa filla Alba Guzmán Falcón, de 19 anos, escribiu tamén o seu primeiro libro “Xoaniña de Deus”, novela curta, que foi “Premio Xuventude Crea” publicado por Galaxia en 2022. Alba, que escribe desde os 15 anos, xa recibiu vinte e cinco premios de relatos.

A protagonista da novela é unha muller con alzheimer que escribe un diario. Os capítulos desenvólvense tendo como guía as tatuaxes que Xoaniña ten no seu corpo. A editorial Galaxia abriu a colección Redes que empezou con esta novela de Alba, que xa vai pola segunda edición, e que ten un impresionante final. A autora é enxeñeira mecánica en Vigo.