Os xulgados de Violencia de Xénero serán efectivos no 2024 en Ourense

O socialista Gómez Besteiro lembrou o compromiso de Pedro Sánchez

Ourense | Xosé Ramón Gómez Besteiro, candidato polo PSdG-PSOE á Xunta de Galicia, ofreceu este mércores declaracións aos medios ás portas do edificio de Xulgados de Ourense na rúa Velázquez do Couto. O deputado no Congreso dos Deputados pola provincia de Lugo, a tres días da celebración do 25N, Día Internacional da Eliminación da Violencia Contra a Muller, reforzou “ou compromiso contra a violencia de xénero de todos os socialistas e de Pedro Sánchez”.

“Non queríamos deixar pasar máis tempo para facer chegar aquí a Ourense ese novo xulgado específico de Violencia de Xénero”, lembrou, en relación a unha das medidas que PSOE e BNG acordaron a cambio do voto a favor dos nacionalistas galegos na investidura de Pedro Sánchez.

Como este xulgado específico para casos de violencia de xénero haberá outros en Lugo, Santiago, Pontevedra e Ferrol, que “serán efectivos cos orzamentos do ano 2024”, aclarou Besteiro. “Neste momento, con 431 casos activos na provincia de Ourense, os socialistas asumimos como prioritario e necesario crear este xulgado en Ourense”, afimou.

Na foto Besteiro, no centro, co secretario provincial do PSOE, Rafael Villarino, a esquerda, e o delegado do Goberno en Ourense, Emilio González Afonso, a dereita da imaxe.