Mondariz Balneario | Organizado polo GDR Condado Paradanta froito do convenio con Turismo de Galicia hoxe sábado día 14 e domingo día 15 os xardíns do Gran Hotel volverán os dourados anos vinte e serán o escenario perfecto para emular os relaxantes e enriquecedores paseos das xentes daquela época.
Abertas ao público, o GDR Condado Paradanta organiza estas dúas actividades inmersivas nas que mergullarse na historia e mesmo trasladarse a outros tempos póndose no papel de investigadores, produtores ou consumidores e espallar así o coñecemento dunha parte da súa historia.
O fervor dos dourados anos 20 chegará hoxe sábado de (de 16:30 a 20 horas) e o domingo 15 de mañá (de 11 a 14 horas) aos xardíns de Mondariz Balneario. Sesenta veciñas e veciños de Mondariz, Mondariz Balneario e Ponteareas converteranse en actores e actrices para ambientar este espectáculo ao aire libre totalmente gratuíto e no que poden participar todos os públicos.
A contorna do antigo Gran Hotel mergullarase no pasado e volverá aos esplendorosos anos 20. Coordinados pola produtora experta en visitas teatralizadas, EscénaTe, farán dos xardíns o seu escenario. Vestimenta, postos de pestiscos, terraza con bar organizada polo CIT (Centro de Iniciativas Turísticas de Mondariz Balneario), ambientación, música en directo co cuarteto de corda e diálogos rescatados da memoria protagonizarán este espectáculo ao aire libre que nos sorprenderá con interpretacións espóradicas ao longo de toda a xornada. “Vida Social no Balneario de Mondariz en 1920” ofrecerá diversión pero tamén a oportunidade única de revivir tempos de glamour, de culto ao coñecemento e de goce das artes. As persoas participantes serán sorprendidas por un Ramón Cabanillas, unha Emilia Pardo Bazán ou un Enrique Peinador que pasearán polos xardíns e voltarán ao presente na pel da veciñanza.