Os consellos reguladores dos viños e augardentes galegos estudan accións de promoción conxuntas

Co apoio do Igape e de ACRUAGA

Ribadavia | Hai poucos meses púxose en marcha, co apoio do Igape, a Asociación de Consellos Reguladores Vitivinícolas Galegos e das I.X.P. Augardentes e Licores Tradicionais de Galicia (ACRUAGA) e, hoxe, en Ribadavia os seus integrantes mantiveron unha xuntanza de traballo para estudar accións que permitan promocionar conxuntamente os viños e augardentes galegos nos vindeiros meses.

Fundamentalmente, vanse promover accións formativas e divulgativas dos produtos amparados baixo os selos de calidade dos seis organismos integrados na iniciativa: os consellos reguladores de Monterrei, Rías Baixas, Ribeira Sacra, Ribeiro e Valdeorras -no caso dos viños- e o de Augardentes de Galicia.

Os seus responsables avogaron por poñer en marcha unha páxina web da Asociación coa finalidade de axudar a visibilizar o seu traballo e, paralelamente, apostouse por organizar en colaboración coa Galicia Business School un Programa Superior en Dirección de Empresas Vitivinícolas aberto ás adegas de cada un dos territorios amparados.

O programa ofrece 25 prazas, catro por cada unha das denominacións de orixe, e no caso de que a demanda sexa máis alta estudarase a posibilidade de realizar unha segunda edición deste curso.

O programa incidirá en aspectos clave para lograr a competitividade das adegas poñendo o foco na profesionalización da xestión, na definición de estratexias competitivas e na axuda á internacionalización.

Os responsables dos organismos reunidos hoxe baixo a marca ACRUAGA estudaron tamén en que Feiras sectoriais máis significativas ter presenza, de cantas se van celebrar proximamente. Neste sentido, puxeron o foco na posibilidade de participar na feira Wine París –Vinexpo París ou na London Wine Fair, de Londres cun espazo expositor conxunto.