Os alcaldes das Neves e Salvaterra coñeceron os avances da conexión ferroviaria á PLISAN

Así como o apartadoiro que acollerá o centro intermodal de mercadorías

As Neves | Xosé Manuel Rodríguez Méndez, alcalde das Neves, acompañado polo primeiro tenente de alcalde, Marcelino Couto, e membros do Goberno municipal, xunto coa alcaldesa de Salvaterra, Marta Valcárcel, e o presidente da Autoridade Portuaria de Vigo, Jesús Vázquez Almuiña, visitou este mércores a Plataforma Loxística Salvaterra-As Neves (PLISAN).

Alí coñeceu sobre o terreo o proxecto de conexión por tren da mesma co Porto de Vigo e a construción dun apartadoiro nunha parcela de 316.218 metros cadrados, que abranguerán un centro intermodal de mercadorías, conectado coa rede ferroviaria de interés xeral. Para Xosé Manuel Rodríguez, “aínda que é una inversión moi demorada, recibimos este proxecto como unha boa noticia, logo de anos demandando unha actuación que consideramos de importancia para PLISAN”.

O alcalde das Neves agarda que este equipamento, que segundo os prazos que manexa a Autoridade Portuaria podería estar rematado a finais do ano 2025, se complete co uso por parte de viaxeiros, “dando cumprimento a o obxectivo 2030 de mobilidade sostible”.

Así, Rodríguez Méndez subliña que, “con independencia de que esta obra se execute, é preciso elaborar un proxecto para facer posible que as persoas poidamos usar o tren dende a futura estación da PLISAN”.