Orfeón Lucense conmemorará o cabodano do seu fundador José Castiñeira Pardo

Este domingo 29 de outubro na Catedral de Lugo

Lugo | A Catedral de Lugo e o Orfeón Lucense conmemorarán o próximo domingo, 29 de outubro, o cabodano de don José Castiñeira Pardo (23.02.1928 – 31.10.1989), lembrándoo na misa da unha da tarde do primeiro templo da diocese, que estará oficiada por Luis Varela Castiñeira, coengo e prefecto de música da Catedral, e sobriño do P. Castiñeira, falecido hai agora 34 anos.

O Orfeón Lucense honra anualmente, lembrando o seu pasamento, ao que foi o refundador do histórico coro creado por Xoán Montes no s. XIX, agrupando en 1982 varios grupos corais que el dirixía.

No decurso da misa en lembranza do P. Castiñeira, crego, profesor e musicólogo, o Orfeón (acompañado ao órgano por Xavier de Acosta, organista da catedral) vai interpretar diversas composicións relixiosas das que foi autor, para ao rematar a celebración dirixirse ao Claustro da Catedral, e diante da súa sepultura, efectuar unha ofrenda floral e interpretar outra das súas cancións.

O Orfeón Lucense invita a todos os que coñeceron e estimaron a Don José Castiñeira a unirse a esta lembranza.