Oia presenta obradoiro de teatro veciñal no Mosteiro

Este sábado 25 de setembro coa participación de 5 artistas galegas
O Mosteiro de Oia acollerá este obradoiro teatral veciñal.

Oia | Conta atrás para a representación a cargo do obradoiro de teatro veciñal de Oia, que este ano se desenvolverá no interior do Mosteiro de Oia. Cun formato de visita dramatizada e con temática feminina, esta proposta cultural contará coa participación de 5 artistas galegas. A cita será o próximo sábado 25 e haberá tres pases: ás 12.00 horas, 17.00 e 19.00 horas.

A proposta deste ano desenvolverase baixo o título “6×6 punto de encontro o Arrabal: o mar tamén ten amores” e, xunto co alumnado do obradoiro veciñal, participarán un total de 5 artistas de diversas disciplinas: Mónica de Nut (música), Elsa Pereira (danza), Silvia Penas (poesía), AveLina Pérez (teatro) e Gloria Rodríguez Gil (música).

Seguindo os protocolos por mor da COVID-19, as prazas para asistir á actividade son limitadas, polo que as persoas interesadas deberán inscribirse previamente no correo electrónico cultura@concellodeoia.es ou no teléfono 639.32.94.93 (indicando nome, apelidos, DNI e teléfono de contacto). Para máis información pódese chamar ao Concello de Oia ao número 986.36.21.25.

A visita dramatizada constará de varias pezas de temática feminina, poñendo en valor a achega das mulleres na historia de Oia e recoñecendo traballos tradicionalmente invisibilizados ou pouco recoñecidos.

A actividade forma parte do proxecto “6×6 punto de encontro o Arrabal: o mar tamén ten amores”, organizado polo Concello de Oia e beneficiario do programa “O teu Xacobeo” da Xunta de Galicia.