Oia acolle o “Encontro dos Pobos”

Con música folklórica internacional

Oia | O Encontro dos Pobos, consolidado festival que cada verán enche o Baixo Miño de música folklórica de diversas partes do mundo, chegará este domingo a Oia cun programa no que participarán grupos da zona (Oia e A Guarda), xunto con agrupacións procedentes de Tenerife e Polonia.

O concerto desenvolverase a partir das 20.00 horas na Praza Centinela, no barrio histórico do Arrabal, e nel participarán o grupo Tra-lo Mosteiro (Oia), a agrupación Do Lusco ó Fusco de A Guarda, organizadora do evento, e máis as formacións Parranda Chaboco (Tenerife) e Bychlewianka (Polonia).

O Concello de Oia informa de que, para o desenvolvemento do concerto, o tráfico rodado nos accesos á Centinela quedará cortado o domingo entre as 19.45 e as 21.30 horas.

Festival folklórico de grande tradición na comarca baixomiñota, o Encontro dos Pobos celebra este ano a súa XXVIII edición. Está organizado polo grupo guardés Do Lusco ó Fusco e conta coa colaboración dos concellos nos que se desenvolven as distintas actuacións musicais do programa. Este ano, o festival arranca o sábado 22 na Guarda para continuar o domingo 23 en Oia, o luns 24 no Rosal e o martes 25 en Tomiño.