Obras de mellora das vías públicas en Mondariz

No centro urbán e varias parroquias

Mondariz | Coa chegada da primavera executáronse obras de pintado de sinalización horizontal no centro urbano e nalgúns cruzamentos perigosos de varias parroquias, así como obras de mellora de accesos e canalizacións en barrios como Coto Ribeiro e Arnela (Riofrío), Outeiro da Cruz e costa da Carrapita (Queimadelos) e A Chouteira (Lougares)

Estes días tamén se está actuando sobre o asfaltado da rúa Ramón e Cajal, no centro urbano de Mondariz e comercialmente moi transitada.

O Concello de Mondariz está aproveitando a primavera para executar obras de mellora en vías públicas de competencia municipal programadas dentro do Plan Concellos 2021 da Deputación de Pontevedra. En total, estas obras suman un investimento superior aos 125.000 euros.

Pintado de sinalización horizontal e zona azul
A pesar dos atrasos provocados a finais de marzo pola folga de transporte de mercadorías, nas últimas semanas executouse a obra de pintado de sinalización horizontal no centro urbano e nalgúns cruzamentos perigosos de varias parroquias, valorada nuns 26.000 euros.

Ademais de repintar pasos de peóns e zonas amarelas, pintouse a zona azul que entrará proximamente en funcionamento, unha vez se reciban os discos correspondentes.

Mellora de accesos a vivendas, pavimentación e canalización
Outra das áreas de actuación do Concello de Mondariz é a mellora de accesos a vivendas. Neste sentido, realizáronse obras nos barrios de Coto Ribeiro e Arnela (parroquia de Riofrío) e de Outeiro da Cruz (parroquia de Queimadelos), valoradas en 19.230. Neste caso, a intervención en Coto Ribeiro incluíu unha mellora adicional das canalizacións.

Durante as últimas semanas tamén se avanzou nas obras de mellora do pavimento en A Chouteira-Outerelo (parroquia de Lougares) e na costa da Carrapita (parroquia de Queimadelos), que teñen un orzamento de 22.821 euros e 21.224 euros, respectivamente. Na costa da Carrapita, así mesmo, instalouse un tramo da rede de saneamento.

Mellora no asfaltado e illa de reciclaxe na rúa Ramón e Cajal
No centro urbano de Mondariz, por outra banda, iniciáronse estes días as obras de mellora no asfaltado da rúa Ramón y Cajal, comercialmente moi transitada. O Concello de Mondariz aproveitará esta actuación para instalar unha illa de reciclaxe que permita colocar contedores de lixo. Esta obra, valorada en 38.431 euros, tamén estaba programada desde o ano pasado no marco do Plan Concellos da Deputación de Pontevedra.