Obradoiro Serra do Faro compartido por Carballedo e Chantada (Lugo)

Participaron un total de vinte alumnos
Os alumnos recibiron os diplomas correspondentes.

Lugo | Os vinte alumnos traballadores que se formaron no obradoiro de emprego Serra do Faro V, compartido por Carballedo e Chantada, recibiron os diplomas nun acto no que participaron os alcaldes de ambos concellos, Julio Yebra Pimentel e Manuel Lorenzo Varela, respectivamente.

Os participantes reciben un certificado de profesionalidade que os acredita para exercer traballos na especialidade elixida -albanelaría ou xardinaría-, ben como asalariados en empresas do sector ou como traballadores por conta propia, dado que tamén adquiren coñecementos específicos orientados ao emprendemento.

Ademais, incluíronse incentivos para a contratación de 14 alumnos en empresas da contorna durante un mínimo de tres meses.

Próximamente dará comezo unha nova edición deste proxecto, que suporá novas oportunidades laborais para outras 20 persoas desempregadas destes municipios.

A Consellería de Emprego e Igualdade destinará 368.000 euros á iniciativa, que xunto coa que agora remata eleva o investimento a preto de 745.000 euros nos dous últimos anos.

Obras e servizos
O obradoiro de emprego clausurado formou durante nove meses a dez alumnos na modalidade de Operacións auxiliares de acabados ríxidos e urbanización, e a outros tantos na de Instalación e mantemento de xardíns e zonas verdes.

Ao tempo que reciben aprendizaxe teórica e práctica, os participantes nos obradoiros de emprego realizan obras e servizos de interese social. No caso de Carballedo, acondicionaron os accesos e a área recreativa da Barrela e remodelaron a zona axardinada da praza do Concello, entre outras.

En Chantada traballaron na instalación e mantemento de zonas verdes como a contorna do paseo fluvial do río Asma dende o campo do Sangoñedo ata o núcleo da Ponte, o parque Eloisa Rivadulla ou a Praza de Galicia. Tamén melloraron as beirarrúas neste último punto -no tramo do xulgados- e na Avenida de Monforte, así como os pavimentos na zona das pistas de tenis.