
Salceda de Caselas | Nesta semana o IES Pedras Rubias acolleu o acto de presentación da edición dixitalizada do xornal “El Agrario”, publicado en Bos Aires entre 1917 e 1926 polo Centro de Protección Agrícola de Salceda de Caselas. Até o día de hoxe tan só se tiña acceso a un único número desta cabeceira, na páxina do Consello da Cultura Galega, pero agora o IES Pedras Rubias recuperou outros 82 números.
A día de hoxe tan só faltarían 26 exemplares, que van de xaneiro de 1921 ata marzo de 1923 para ter a colección completa. Estes exemplares foron facilitados á Biblioteca Dixital de Galicia – Galiciana, para a súa dixitalización, sendo dende agora accesibles a calquera que teña interese nestes valiosísimos documentos.
A Alcaldesa de Salceda, Loli Castiñeira, que asistiu ao acto acompañada de representantes do equipo de goberno, amosou a súa emoción por este paso histórico: “non podo deixar de agradecer a Fernando Telle e ao IES Pedras Rubias o seu enorme traballo para que isto hoxe sexa unha realidade. Dende hoxe calquera salcedense ou calquera persoa dende o recuncho máis lonxano pode consultar este importante documento que tan ben reflexa a Salceda de principios do séxulo XX”.
Estas publicacións constitúen unha importante fonte para o estudo do asociacionismo agrario, da emigración galega en América e das redes de apoio mutuo creadas polas colectividades emigrantes. O Centro Protección Agrícola del Distrito de Salceda, fundado en Bos Aires en 1913 por emigrantes naturais da comarca, naceu co obxectivo de promover a axuda mutua entre os seus asociados e apoiar a campaña agrarista impulsada por Joaquín Fernández Sestelo, farmacéutico e activista anticaciquil salcedense.
Desde marzo de 1917, o Centro editou La Voz del Centro, publicación que continuaría posteriormente baixo o título de El Agrario ata marzo de 1926. A través das súas páxinas difundíanse ideas agraristas, información societaria e iniciativas culturais e solidarias destinadas tanto á colectividade emigrante como ao seu concello de orixe.
A incorporación desta colección a Galiciana-BDG contribúe a preservar e difundir un patrimonio documental de enorme valor histórico, ao tempo que facilita o acceso público a publicacións da emigración galega pouco coñecidas e de difícil localización. Neste acto, no que participou alumnado de 1º de bacharelato, leuse unha selección de noticias destes xornais nas que comentaban distintos aspectos da vida en Salceda daquela época, xa que unha serie de corresponsais locais enviaban regularmente noticias a Bos Aires para que os emigrantes estivesen informados do que aquí sucedía. A viaxe era de ida e volta, xa que case 300 exemplares era enviados cada mes a Galicia, aínda que tardaban varias semanas en chegar en barco, para que as mensaxes agraristas que alá publicaban tivesen impacto nas terras do Caselas.
Ademais interviñeron Quico Paz Antón, historiador local que na última década leva publicados distintos libros sobre Salceda; Fernando Telle, vicedirector do instituto e impulsor desta recuperación, e finalmente Elena Díaz del Río e Noelia Bascuas Ferreiro do equipo técnico de Galiciana-Biblioteca Dixital de Galicia, responsables da súa dixitalización.




