O Xacemento de Valencia do Sil consolídase como unha escola de arqueoloxía na Comarca de Valdeorras

A través dunha campaña impulsada pola asociación Sputnik Labrego
Xacemento tardorromano de Valencia do Sil.

Vilamartín de Valdeorras | O próximo día 3 de Maio comezarán as escavacións no xacemento tardorromano de Valencia do Sil, en Vilamartín de Valdeorras. Como en anteriores anos, esta campaña estará coordinada pola asociación científica Sputnik Labrego e, de novo, contará coa presenza dun nutrido grupo de estudantes do Máster Mestrado Interuniversitario de Arqueoloxía e Ciencias da Antigüidade. Durante tres semanas, este grupo realizará as prácticas de formación no xacemento, que incluirán non só o traballo arqueolóxico, mais a visita de distintos enclaves da comarca de Valdeorras.

“En realidade, Valencia do Sil xa foi unha escola de arqueoloxía no pasado, cando o grupo dos Escarbadores formou toda unha xeración de arqueólogos durante os anos 60 e 70. Rescatamos esa tradición para consolidar este sitio arqueolóxico e a comarca de Valdeorras como unha escola de arqueoloxía na actualidade”, dinos Carlos Tejerizo, director das escavacións.

Esta campaña, financiada polo concello de Vilamartín de Valdeorras e o grupo de investigación SÍNCRISIS (Universidade de Santiago de Compostela) estenderase ata o día 21 de Maio, co obxectivo de ampliar os espazos intervidos en anos anteriores. “Comezamos a ter unha idea bastante precisa do sitio de Valencia do Sil, mais aínda quedan moitas preguntas ás que queremos dar resposta nesta campaña”, afirma Celtia Rodríguez, co directora da intervención, “o ano pasado detectamos unha fase anterior á grande ocupación do século cuarto que queremos explorar con máis detalle nesta campaña. Ademais, tentaremos determinar se existen estruturas arqueolóxicas en espazos aínda non explorados do xacemento”.

“Esta campaña, financiada polo concello de Vilamartín de Valdeorras e o grupo de investigación SÍNCRISIS (Universidade de Santiago de Compostela) estenderase ata o día 21 de Maio, co obxectivo de ampliar os espazos intervidos en anos anteriores”

O mesmo que o ano pasado, levarase unha proposta de “aberto por escavación”, de xeito que o xacemento poderá ser visitado durante os traballos arqueolóxicos e recibir unha explicación por parte do equipo. Estas visitas terán lugar entre as 10:00 e as 17:00 de luns a venres durante os días que dure a campaña. Contacto: Carlos 687 210 810 e Celtia 661 448 899.

Deixa unha resposta

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Outros artigos

Os nosos anunciantes son importantes para nós.
Fainos o favor de desactivar o bloqueador de anuncios ou
engadir este sítio a túa lista branca.

Grazas!