O tudense Dámaso Rodríguez completou os 1.165 kms da iniciativa “Cruzando Camiños”

Foi recibido polo Alcalde e pola concelleira de Turismo

Tui | O alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro, e a concelleira de Turismo, Ana Núñez, recibiron este mediodía na casa do concello a Dámaso Rodríguez Costas. Este tudense completou hoxe, chegando a Tui, 1.165 kms dende Alcalá de Henares, de onde partiu o pasado 4 de abril para realizar a iniciativa “Cruzando Camiños”.

O obxectivo deste veterano peregrino, que realizou o seu primeiro Camiño en 1972, era unir a través de diversas rutas xacobeas, as históricas cidades de Alcalá de Henares e Tui, ambas localidades con séculos de pegadas peregrinas e un legado cultural e social que se entrelazan ao longo do tempo.

Dámaso Rodríguez, presidente da Asociación de Amigos del Camino de Santiago Complutense de Alcalá de Henares (Madrid), relatou esta mañá vivencias e anécdotas vividas ao longo das últimas semanas. Así esta mañá afirmaba que “o camiño non se anda, hai que vivilo” e que “os silencios do Camiño entran en ti”. Tamén deu conta da relación especial que se establece entre os peregrinos no seu percorrido.

Nesta iniciativa coa que hoxe chegou a Tui cruzou os Camiños de Santiago Complutense, o de Madrid, o Francés e o Portugués. Completou así unha travesía histórica e xeográfica, conectando os bispados de Alcalá e de Tui; a espiritualidade dos Santos Nenos Xusto e Pastor coa do neno San Paio e, a rica historia de Alcalá de Henares coa historia bimilenaria de Tui, a súa beleza medieval e reencontrarse coas súas raíces vitais.

Dámaso Rodríguez é autor do libro “Ruta jacobea, camino y leyenda”, presentado en Tui en novembro de 2021, e de varias reportaxes dos máis importantes camiños xacobeos que, ao longo da súa vida percorreu.

O alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro, amosou a súa satisfacción por darlle a benvida á súa cidade natal a Dámaso Rodríguez tras culminar este proxecto peregrino de “Cruzando Camiño” que contribúe á difusión e valorización das rutas xacobeas, de crecente importancia para Tui, así como a promoción dos recursos patrimoniais e turísticos da nosa cidade.

Deixa unha resposta

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.