O rural galego ten a súa reflexión no verán de Covelo

O programa “Pensando o Verán” chega a súa cuarta edición

O Covelo | O ciclo, integrado no programa “Filosofía para Veraneantes”, reunirá do 6 ao 10 de xullo a destacados especialistas para abordar a paisaxe, a cultura, os incendios, a economía e o papel das mulleres no rural

O Concello de Covelo celebrará entre os días 6 e 10 de xullo a segunda edición de “Pensando no Verán”, unha iniciativa cultural integrada no programa “Filosofía para Veraneantes”, que busca converter o período estival nun tempo tamén para a reflexión, o intercambio de ideas e o pensamento crítico.

Tras a boa acollida da primeira edición, celebrada en 2025 e dedicada á memoria da escravitude en Galicia e España, o ciclo regresa este ano baixo o título “Pensando o rural”, cun programa que analizará desde diferentes perspectivas os desafíos e oportunidades do medio rural galego contemporáneo.

Nun contexto marcado pola rapidez da información e a inmediatez, o Concello de Covelo aposta por crear un espazo de diálogo pausado arredor de cuestións fundamentais para o futuro do territorio, reunindo a profesionais e investigadores de referencia para compartir coñecemento coa veciñanza e co público visitante. Todas as sesións terán lugar ás 20:00 horas no Auditorio Municipal de Covelo, con entrada libre ata completar aforo.

O programa abrirase o luns 6 de xullo coa participación de Augusto Pérez Alberti, xeógrafo e catedrático da Universidade de Santiago de Compostela, unha das figuras máis recoñecidas no estudo da paisaxe galega, que ofrecerá a conferencia “As moitas Galicias. Contra a imaxe homoxénea da paisaxe galega”.

O martes 7 de xullo será a quenda de María López Sández, directora da revista Grial, membro da Real Academia Galega e profesora da Universidade de Santiago de Compostela, quen analizará a relación entre literatura, territorio e identidade na charla “A descrición da paisaxe na literatura moderna e contemporánea galega. A paisaxe rural como contexto referencial da galeguidade”.

A terceira xornada, o mércores 8 de xullo, contará coa presenza do filósofo e ensaísta Antón Baamonde e de Daniel Hermosiña, conselleiro delegado de Rodiñas Pretensados e vicepresidente da Fundación Galicia Constrúe, que dialogarán arredor de “O debate ruralismo/urbanismo na Galicia contemporánea”, unha cuestión clave para comprender os retos demográficos, económicos e territoriais da Galicia actual.

O xoves 9 de xullo participará Elvira Santiago, socióloga e investigadora da Universidade de Santiago de Compostela, coa conferencia “Os lumes da sexta xeración. Un enfoque sociolóxico”, na que abordará o fenómeno dos incendios forestais desde unha perspectiva social, territorial e demográfica.

As xornadas pecharanse o venres 10 de xullo coa participación de Mar Caldas, artista, fotógrafa e profesora da Facultade de Belas Artes da Universidade de Vigo, que impartirá a conferencia “Fotografía e mulleres do rural galego”. A sesión de clausura estará acompañada dunha exposición fotográfica realizada pola propia autora, dedicada ás mulleres de Covelo, un proxecto que pretende poñer en valor a súa memoria, o seu traballo e a súa contribución á vida económica, social e cultural do municipio.

A mostra converterase nun espazo de recoñecemento ás mulleres que contribuíron a construír a historia recente de Covelo, ofrecendo ao mesmo tempo unha reflexión artística sobre a identidade, a memoria e o papel das mulleres no rural galego.

Con esta segunda edición de “Pensando no Verán”, o Concello de Covelo reafirma o seu compromiso coa cultura, o coñecemento e a dinamización do territorio, consolidando unha proposta que busca achegar ao rural espazos de debate e reflexión sobre os grandes temas que marcan o presente e o futuro de Galicia. Actividade organizada polo concello de Covelo que conta coa financiación da Deputación de Pontevedra.

Deixa unha resposta

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.