O Rosal traslada á Xunta as incidencias co seu transporte público

Tras varios meses da entrada en funcionamento da nova concesión dependente da Xunta

O Rosal |  Pasados uns meses da entrada en funcionamento da nova concesión do transporte público dependente da administración autonómica, o Concello do Rosal trasladou á Xunta de Galicia algunhas das incidencias e problemas que sofre a veciñanza.

“O noso obxectivo é conseguir mellorar este servizo tendo en conta ás necesidades reais dos rosaleiros e rosaleiras”, salienta a alcaldesa do Rosal, Ánxela Fernández Callís, quen destacou a boa disposición da empresa concesionaria para solucionar calquera problemática nunha reunión mantida con responsables municipais.

O Concello presentou á Xunta un informe no que recolle as principais problemáticas que hai nestes intres no Rosal, así como posibles solucións, centrándose especialmente no transporte do alumnado que estuda no IES A Sangriña da Guarda e que se despraza ata alí en autobús e nas conexións dos distintos barrios co núcleo urbano do Calvario e A Guarda.

Aínda que se crearon dúas liñas que dan servizo ao alumnado que estuda no IES A Sangriña da meirande parte do municipio, estas rutas non chegan ata as parroquias de San Xoán de Tabagón e As Eiras. Dende o Concello proponse ou ben adaptar ao horario de entrada e saída do instituto algunhas das liñas que cubre a ruta entre Vigo e A Guarda e que pasan por estes barrios ou ben ampliar o percorrido dunha das rutas existentes para cubrir todas as parroquias da localidade.

O Concello tamén pon de relevo outros problema ao que se enfronta o alumnado deste centro: debido á pandemia os grupos de bacharelato teñen clase en horario de tarde, polo que se pide que “mentres se manteña a situación sanitaria actual poderían cambiarse o horario destas liñas adaptado á hora de entrada e saída que teñen actualmente”.

Outro dos problemas que preocupa ao Goberno municipal é a comunicación entre O Rosal e A Guarda, xa que aínda que existen dúas rutas circulares que unen estes dous municipios estas liñas fan un percorrido circular polo que hai autobús de ida pero non de volta.

Por este motivo, o Concello solicita que a liña circular A Guarda – Pancenteo – O Rosal – Pías – A Guarda, que percorre o interior do Rosal e conecta co Calvario e coa Guarda, teña unha frecuencia mínima de dous días propoñendo martes e sábado con saídas as 09.00 e 12.00 horas, para que haxa autobús de ida e volta. A liña A Guarda – Pancenteo – O Rosal – O Morán – San Miguel – Tabagón – As Eiras – Pías – A Guarda, que conecta a zona da ribeira no circuito circular do Rosal coa Guarda proponse tamén unha frecuencia de dous días á semana, mércores e sábados con saídas ás 09.00 e ás 12.00 h. Proponse o sábado por ser o día de mercado na Guarda.

“O Concello solicita que a liña circular A Guarda – Pancenteo – O Rosal – Pías – A Guarda, que percorre o interior do Rosal e conecta co Calvario e coa Guarda, teña unha frecuencia mínima de dous días propoñendo martes e sábado”

Outras incidencias
Dende o Concello tamén se deu traslado á Xunta doutras incidencias postas en coñecemento por parte da veciñanza rosaleira e que lles está a causar distintos prexuízos. Un deles é o prezo dos billetes, que se ben baixan nas longas distancias increméntanse nos desprazamentos curtos, como pode ser o de O Rosal-Tomiño.

“Queremos saber cando se van implementar a Tarxeta Galega de Transporte e a Tarxeta Xente Nova para os estudantes e como terán que facer os rosaleiros e rosaleiras para acceder a este servizo, como se asegurou na reunión mantida o pasado mes de decembro entre a Xunta e os concellos da Mancomunidade do Baixo Miño”, recorda a rexedora.

No escrito presentado tamén se destaca que a Xunta suprimiu determinados transportes a partir das 18.00 horas “entendemos que de xeito temporal”. Non obstante, esta decisión está xerando importantes problemas ao alumnado que collía habitualmente o autobús o domingo ás 19.00 horas para incorporarse ao Centro Residencal Docente do Meixoeiro, que pecha durante a fin de semana e ao que os rapaces e rapazas se reincorporan o domingo a partir das 20.00 horas.

Por outra banda, dende o Concello piden un teléfono de contacto ao que os usuarios e usuarias poidan chamar directamente para resolver calquera dúbida con respecto ao servizo, así como unha relación dos horarios e paradas das distintas liñas e rutas.
Agardamos que se tomen en consideración por parte da Xunta todas estas cuestións trasladadas polo Concello do Rosal.