O Rosal rexeita o proxecto do parque eólico na Serra da Groba

Aprobado en pleno por unanimidade a petición do BNG

O Rosal | O Concello do Rosal aprobou por unanimidade este xoves no pleno municipal unha moción presentada polo BNG de rexeitamento do proxecto o parque eólico promovido pola Xunta de Galicia na Serra da Groba. Esta iniciativa supón a construción de 44 aeroxeneradores e 4 subestacións de transformación e transporte, dos que 5 estarían situados no Rosal, coa súa correspondente infraestrutura asociada, dende vieiros de aceso e servizo ata plataformas de montaxe ou gabias de cableado.

Aínda que dende o Concello se defende o uso de enerxías limpas e renovables como a eólica, a moción recalca a importancia de que a súa construción e ubicación sexa compatible co medio e co uso funcional do monte, na procura dun menor impacto medioambiental.

“Denuncia ante a Xunta o modelo opaco seguido na adxudicación e tramitación dos parques eólicos que afectan á Serra da Groba”

Por este motivo, denuncia ante a Xunta o modelo opaco seguido na adxudicación e tramitación dos parques eólicos que afectan á Serra da Groba, esixindo á Consellería de Industria a paralización dos proxectos en marcha e a aprobación dun novo marco lexislativo e dun novo Plan sectorial eólico que garantan a iniciativa pública e das comunidades locais na planificación enerxética, a tramitación transparente dos proxectos, dos dereitos das persoas propietarias dos terreo e a avaliación ambiental conxunta do plan e dos parques.

A moción tamén destaca que a lei deixa aos propietarios dos terreos nunha situación de indefensión, empurrándoos a aceptar a proposta económica da empresa adxudicataria se non queren facer fronte a un proceso de expropiación.

O pleno aprobou onte tamén por unanimidade, cos votos a favor de BNG, PP e PSOE, a proposta inicial da ordenanza reguladora da limpeza de fincas, da distancia de plantacións nos terreos clasificados como urbanos e da xestión da biomasa no Rosal, que busca establecer un regulamento dentro do ámbito das competencias municipais para conseguir as axeitadas condicións de seguridade e reducir os riscos asociados aos incendios forestais.

Por último, o pleno deu o visto e prace con 8 votos a favor e 5 abstencións aos orzamentos municipais para este ano 2021, que superan os 3,3 millóns de euros e contemplan un importante incremento no gasto corrente e social, ademais da inclusión de investimentos que apostan polo benestar social, a proximidade, a igualdade, a cultura, o deporte, a mobilidade sostible, o desenvolvemento local, as traídas de augas ou a sostibilidade ambiental.

Todas as persoas interesadas en ver o pleno, celebrado de forma telemática, poden consultalo no Portal de Transparencia da web do Concello.