O Rosal pon en marcha novos centros de compostaxe

Nos barrios do Calvario, Couso e unha pequena parte do Casal e A Lomba

O Rosal | O Concello do Rosal continúa traballando para levar a cabo unha xestión global dos residuos cada vez máis sostible e respectuosa co medioambiente, fomentando entre outros aspectos a compostaxe. Por este motivo acaba de poñer en marcha dous novos centros de compostaxe comunitaria (CCC) que sumados ao composteiro comunitario que xa estaba en funcionamento permitirá atender a unhas 600 persoas e xestionar unhas 60 toneladas de materia orgánica ao ano.

Usando criterios de eficiencia ambiental e económica, estes dous novos centros están situados na contorna do núcleo urbano e permitirán ampliar a cobertura ás edificacións verticais dos barrios do Calvario, Couso e unha pequena parte do Casal e A Lomba, así como a varios produtores singulares e edificios municipais situados na súa contorna que tamén poderían beneficiarse destes centros para a xestión dos seus restos orgánicos. Os rosaleiros e rosaleiras poderán facer uso de calquera destes tres centros operativos ubicados en:

  • Rúa Manuel Suárez Marquier (a carón de Pequelandia).
  • Estrada da Gándara (a carón do Camiño de Barbuntín).
  • Rúa do Couso (a carón da Escola Unitaria do Couso).

Compostar en calquera destes tres centros de compostaxe comunitaria é sinxelo, cómodo, limpo e de balde. Para participar, as persoas interesadas só terán que inscribirse enchendo o formulario dispoñible ba web de medio ambiente do Rosal e seguir catro pasos: separar ben na casa os biorresiduos, depositalos no módulo do centro de compostaxe que elixan, cubrilos co estruturante que atoparán nun caixón anexo e pechar a tapa.

“A finalidade é tratar de reducir o volume de residuos que acaban nos colectores de resto e que se deben tratar ou eliminar no vertedoiro”

“O noso obxectivo é dotar a toda a veciñanza das ferramentas necesarias para que poidan xestionar os seus biorresiduos e colaborar na redución do impacto ambiental de residuos vivan onde vivan. Queremos potenciar a autocompostaxe nas vivendas e dar opcións para que todas aquelas persoas comprometidas co medio e que queiran compostar teñan unha alternativa incluso cando non dispoñen de espazo no seu fogar para colocar un composteiro individual. A finalidade é tratar de reducir o volume de residuos que acaban nos colectores de resto e que se deben tratar ou eliminar no vertedoiro”, explica Sara Vicente, concelleira de Medio Ambiente.

Esta iniciativa forma parte das accións postas en marcha ao abeiro da subvención de 48.000 euros acadada polo Concello para poñer en marcha un programa de prevención, recollida separada e valorización dos biorresiduos destinadas ao fomento da compostaxe in situ. Forma parte da liña de axudas posta en marcha pola Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda cofinanciadas polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional con cargo ao programa operativo Feder Galicia 2014-2020.