O Ribeiro presenta en Ribadavia a oitava edición de “Cata a Arte”

Celebraranse presentacións e degustacións de viños de cinco adegas

Ribadavia | O consello regulador de denominación de orixe Ribeiro presenta a oitava edición do ciclo “Cata a Arte”, que terá lugar no Centro Cultural Marcos Valcárcel de Ourense os xoves 3, 10, 17 e 24 de novembro e o 1 de decembro en horario de 20 a 22 horas e que inclúe presentacións e degustacións de cinco adegas do Ribeiro acompañadas de accións culturais paralelas como música, poesía ou ilusionismo.

As catas comezarán o xoves da semana que vén e o seu aforo estará limitado a 100 persoas por xornada, e as prazas serán cubertas por orde de retirada das entradas de forma presencial no Centro Cultural desde o luns anterior a cada evento.

O pistoletazo de saída (3 de novembro) poñerao Adegas Loeda que realizará unha degustación do seu viño branco treixadura Catro Parroquias, acompañada dun concerto da mítica banda pop Os Limóns. O xoves 10 de novembro será unha cata-sorpresa, coa adega e a acción por confirmar. O xoves 17 de novembro continurase coa cata de Viña Costeira que presentará os seus viños acompañados doutra animada actuación musical.

O 24 de novembro, Benito Eladio Rodríguez e amigos deleitaran cun recital poético e de cancións, ben acompañados dunha degustación do viño branco Torques do Castro e do tinto Tarabelo, da adega Arco da Vella Adega de Eladio. E para finalizar esta oitava edición, Adega Alanís poñerá o broche final o xoves 1 de decembro, onde fará unha degustación do seu viño Gran Alanís 2021 en harmonía do espectáculo “Ilusionismo Gran Reserva”, da man de Maxia na manga.

As catas novamente serán solidarias. O Ribeiro Ribeiro, co Centro Cultural Marcos Valcárcel e a Deputación de Ourense, colaboran un ano máis conxuntamente en apoio á Asociación Ourensá de Esclerose Múltiple, Párkinson e Enfermidades Raras (AODEMPER), polo que, nesta oitava edición, solicitarase aos asistentes un donativo a favor desta organización sen ánimo de lucro que leva desde 1996 á beira das persoas afectadas por estas doencias.

Algúns dos servizos que ofrecen son os de psicoloxía clínica, fisioterapia, logopedia, traballo social e educación social.