O rexeneracionismo galeguista de Lamas Carvajal.

Cadernos da viaxe

“…Dirán os que mandan, deixámolos probes, agora deixémolos burros”.
(O Tío Marcos da Portela; 28 abril 1889).

“Lamas Carvajal…hizo más por la redención espiritual del campesino galaico que la prédica incendiaria de los apóstoles que acaban su carrera de diputados hechura del cacique. Lamas Carvajal fue irreductible. No le doblegaron ofrecimientos ni excomuniones. Era un Gallego” (Manuel Murguía, 1918).

Na mañá deste luns 18-D, no Liceo ourensán, a Asociación de Medios en Galego homenaxea Valentín Lamas Carvajal (1849-1906), editor e factótum d´O Tío Marcos da Portela, que saiu por primeira vez do prelo no 1876 e foi o primeiro xornal publicado integramente en língua galega. Unha homenaxe ben precisa e xustificada porque dende a celebración no 2006 do centenario do seu pasamento o estudo da súa obra, ideoloxía e, sobre todo, do significado da súa achega na cultura galega non constituiu, dende logo, unha prioridade para a investigación galega.

Mais xa Figueira Valverde no 1972, cando a RAG que Lamas fundou canda Murguía e outros no 1906 lle dedicou o Dia das Letras Galegas, explicounos que O Tío Marcos da Portela era á prosa da nosa língua o que Cantares Gallegos de Rosalía de Castro era á nosa poesia. E Marcos Valcárcel (1958-2010) dexergounos naquel 2006 do centenário da súa morte un Lamas Carvajal rexeneracionista, galeguista dede o rexionalismo e protoagrarista.

A aposta de Lamas pola língua galega nace da súa vontade de comunicación cunha poboación galega que, na altura de 1880, era galegofalante na súa case totalidade, nomeadamente o elemento labrego, principal colectividade do País.

Mentres Murguía fornece á nosa historia e cultura nacionais dos consensos fundacionais que sementen unha intelectualidade operante, Lamas fálalle directamente ao pobo, denunciando o sistema da Restauración borbónica: centralismo inoperante, sistema fiscal gravoso e inxusto, corrupción municipal e maltrato aos intereses galegos. Defende a organización democrática dos labregos, a institucionalización na defensa dos intereses galegos e o progreso e modernización do País (proxecto de tren a Zamora, estrada Vigo-Ourense-.Villacastín, fonda reforma fiscal, mellora da educación en xeral e da capacitación agraria …).

No Catecismo do labrego e noutras pezas publicadas está a diagnose dos problemas da agricultura galega e a denuncia dos abusos que sofrían os nosos labregos, na altura pagadores de foros á clase rendista e de tributos sobre consumos e outros trabucos aos concellos que gobernaba a mesma clase social.

Velaí que Murguía dixese no 1918 que o vivo agrarismo que daquela percorria Galicia tiña moito a ver coa semente que botaraen vida Lamas Carvajal, que xa non chegaria ver os froitos desta acción política

Na homenaxe a Lamas nos ourensàns xardíns do Posío (1918) sobranceu o activismo das Irmandades da Fala que artellaban entó o galeguismo político. A poeta e feminista Filomena Dato Muruais inaugurou o seu monumento nun dos primeiros actos presididos pola bandeira e hino galegos. Foi, verdadeiramente, un homenaxe de País.

Advogado. Colabora en varios medios galegos.