O PSdeG quere que a Xunta dote a Ourense de mais centros de saúde

Nos barrios de Mariñamansa e o Vinteún
Vista parcial do barrio do Vinteún.

Ourense | O grupo municipal socialista no Concello de Ourense urxe ao bigoberno do Partido Popular e Democracia Ourensana a pór a disposición da Xunta as parcelas necesarias para a construción dos novos centros de saúde nos barrios de Mariñamansa e do Vinteún.

Os socialistas demandan que o goberno local actúe “de xeito inmediato”, logo de que o Goberno autonómico remitise cartas aos alcaldes e alcaldesas de 28 concellos galegos, entre eles o de Ourense, para “activar os proxectos de construción de novos centros contemplados nas fases 1 e 2 do Plan de Infraestruturas Sanitarias de Atención Primaria”.

Así as cousas, os socialistas adiantan que demandarán na xunta de área de Urbanismo que a concelleira delegada, Sonia Ogando, proceda a responder de forma inmediata a esa solicitude, “tendo en conta que o anterior goberno socialista xa puxera sobre a mesa numerosas opcións para consideración da Xunta de Galicia en tempo récord”.

“No ano 2010 os socialistas facilitaron á Xunta seis posibles localizacións para a construción dun novo centro de saúde no barrio de Mariñamansa, ante a demanda trasladada polos representantes de 18 asociacións do sur da cidade que expuñan que o edificio actual, co paso do tempo, quedou pequeno e non pode albergar o equipamento necesario que demanda previsión de solo para novas infraestruturas sanitarias”, salientan.

Os socialistas entenden que, ante a ausencia de partidas específicas nos Orzamentos de 2022, serán aceptadas as emendas do PSdeG-PSOE, para que “dunha vez por todas poidan reactivarse os proxectos e obras destes dous novos centros de saúde, tan imprescindibles para a nosa cidade”.

Así mesmo, lembran que na última década foron numerosas as iniciativas e solicitudes do grupo socialista, tanto a nivel local como autonómico, en relación á creación de novas infraestruturas sanitarias en Ourense.  A última delas, unha moción na que os socialistas da cidade pedían que a Xunta se comprometese a fixar un calendario definitivo para a execución das obras do novo centro da Cuña – Mariñamansa co obxectivo de resolver os déficits actuais da atención primaria na zona sur de Ourense, foi aprobada por unanimidade no pleno municipal do mes de setembro.