O PSdeG-PSOE de Cartelle denuncia a proliferación de vertedoiros ilegais

Critica a “deixadez” e o “pasotismo” do goberno municipal

Cartelle | O PSdeG-PSOE de Cartelle denuncia a aparición dun novo vertedoiro ilegal, desta vez na parroquia de Sande, concretamente no monte comunal, na zona da Raposeira. Os e as socialistas alertan que o “pasotismo” e a “deixadez” do Partido Popular con respecto a aparición destes vertedoiros “é moi preocupante”, xa que tal e como relatan en plena temporada de risco de incendios, o material aló depositado pode “provocar un polvorín de lume imparable e que cause importantes danos ambientais e persoais”.

Dende o grupo municipal socialista explican que nos últimos días recibiron a chamada de varios comuneiros da zona alertando da proliferación de lixo, caixas e outros materiais nesta zona de monte comunal do municipio. Unha situación que segundo explican os socialistas “ten moi preocupada á veciñanza, xa que en plena vaga de lumes, Cartelle non coida os seus montes e pon en grave risco a flora, a fauna e tamén á veciñanza”.

Segundo denuncian dende o PSOE de Cartelle, este novo vertedoiro ilegal atópase situada a carón da casa dun dos concelleiros do Partido Popular, que ademais cobra dedicación exclusiva. Por este motivo, os socialistas pregúntanse se o Partido Popular “vai seguir mirando para outro lado namentres lle plantan diante das súas casas vertedoiros ilegais?” e subliñan que “non é de recibo a inacción do goberno municipal, na loita contra estes depósitos ilegais de residuos e materiais”.

Para o voceiro do PSdeG-PSOE de Cartelle, Jesús Pereiras Vázquez, a situación “repítese novamente” e afirma que o “señor Sousa e a senadora Carmen Leyte non lle interesan para nada os problemas reais de Cartelle e están máis pendentes de cobrar os seus soldiños e buscar novos carguiños que de darlle solución aos veciños e veciñas do noso municipio”.

O edil socialistas ten claro que a proliferación destes vertedoiros ilegais no municipio “vén motivado pola ausencia de vixilancia e de sancións por parte do Concellos, que parece que prefire mirar para outro lado namentres se producen estes atentados medio ambientais”.

Pereiras Vázquez vén de poñer en coñecemento de Seprona a situación deste vertedoiro ilegal para que “tomen as medidas oportunas, investiguen a procedencia destes materiais e castiguen duramente aos responsables”.

O voceiro dos socialistas de Cartelle afirma tamén que “esta situación é insostible e xa está ben de contaminar e encher de lixo a contorna de Cartelle”, ademais de apuntar que “non vamos consentir que o PP contamine e desleixe a nosa terra, os nosos montes e a nosa natureza”.

O grupo municipal socialista lembra que no que vai de mandato, xa tiveron que pór en coñecemento das autoridades a aparición de varios vertedoiros ilegais fomentados pola “inacción” do goberno municipal e que lle supuxo ao Concello importantes sancións económicas. “O PP parece que lle dan igual as multas, xa que saen do peto dos veciños e veciñas de Cartelle”, afirman.