O PSdeG denuncia a dexeneración democrática da Deputación de Ourense

Centos de millóns repartidos a dedo segundo o Consello de Contas

Ourense | Un novo informe do Consello de Contas, que fiscaliza os criterios de distribución dos fondos públicos aos concellos entre os anos 2003 e 2019, detalla un “carrusel de irregularidades e desordes”, unha situación que se agravou desde a chegada de Manuel Baltar á presidencia da Deputación de Ourense. O máximo órgano fiscalizador do sector público galego advirte, entre outras conclusións, que os criterios non son “obxectivos e equitativos” e que a distribución destes cartos de “forma discrecional” pasou de representar o 30 % en 2006 ao 76 % durante de 2016.

Regulación técnica
Tras coñecer estes datos, o PSdeG-PSOE denuncia a “dexeneración democrática” da institución e por iso vén de rexistrar unha iniciativa que se debaterá no pleno deste venres, na que reclama, unha vez máis, un plan que integre todas as liñas de axudas e unha regulación técnica para estes instrumentos que xa operan nas outras deputacións galegas.

Tamén demandan incluír neles todas as actuacións que respondan a este obxecto, usando os convenios “a dedo” só de forma excepcional e xustificando a súa elección.
Igualmente esixen, tal e como sinalan os expertos económicos, unha análise do custo dos servizos municipais nos criterios de reparto destes fondos entre os concellos, criterios que deberían ter en conta, entre outros, a poboación do municipio; o número de núcleos habitados; a superficie municipal ou o envellecemento dos habitantes empadroados.

O voceiro provincial, Rafa Villarino, cualificou como “clientelar” o reparto executado polo goberno de Baltar e Democracia Ourensana, con “centos de millóns de euros que se foron polo sumidoiro”, distribuídos “a dedo” que “non chegaron a todos os concellos para que puideran desenvolverse”. Villarino resaltou a “sorpresa” e o “impacto” que este proceder provoca no Goberno central e na Administración Xeral do Estado, que é coñecedora destes informes a través dos deputados e deputadas ourensáns.

Estamos ante plans que só serven para perder os cartos porque se outorgan de modo discrecional”, advertiu antes de sinalar que “temos que actuar contra este problema” e “xa veremos as medidas legais a adoptar”.

O líder socialista tamén puxo o foco sobre a “falsa” e “preventiva” denuncia do Partido Popular de Feijóo a respecto do distribución dos fondos europeos de recuperación e resiliencia, cando “na Deputación de Ourense que eles gobernan, ese reparto é clientelar e continuo e constatado desde 2003”.

Igualmente informou que o PSdeG-PSOE xa iniciou os trámites precisos para ser recibidos polo Defensor del Pueblo e da “constante e directa comunicación” cos responsables dos ministerios de Política Territorial e de Facenda sobre esta “dexeneración democrática” que definiu como “insostible”. “Estamos ante unha deputación crepuscular que quere converter á provincia no que é ela mesma” e “temos o deber e a obriga de cambialo”, remachou.

Reparto inxusto
Pola súa banda, a deputada e alcaldesa de Xinzo, Elvira Lama, denunciou un reparto “inxusto, insolidario e falto de toda transparencia” que non cumpre cos criterios básicos “que deben imperar nunha democracia”. “É máis obsceno nos tempos que vivimos, xa que logo da pandemia, todos os concellos necesitamos recursos adicionais para poder cumprir e dar servizo á veciñanza”, sinalou antes de aseverar que “o reparto de Baltar beneficia sempre aos mesmos”, impedindo aos municipios “de menor capacidade económica prestar servizos, facer obras ou ter eses recursos adicionais”.

“Vemos con perplexidade como as outras deputacións dispoñen dun plan que reparte equitativamente os fondos públicos, mentres aquí temos que petar en portas ou poñernos á cola para que o presidente nos reciba”, explicou a deputada, quen remachou que “necesitamos con urxencia” este plan único “para saír do furgón de cola”. “Non é de recibo que as capitais das comarcas teñamos cero euros nos orzamentos de 2022”, dixo ante o que considera un “desleixo continuo, peor que o de Baltar pai”.

Os e as socialistas ourensáns insisten en esixir ao goberno de Baltar e o partido de Jácome. “medidas que garantan que as axudas dos plans provinciais permitan aos concellos con menor capacidade económica o impulso real das súas economías locais e da súa actividade administrativa,” incluíndo “mecanismos de comprobación dos resultados” destes investimentos.

Outros artigos