
O Barco de Valdeorras | O PSdeG-PSOE de Ourense amosa o seu apoio e respaldo á manifestación convocada pola Plataforma Sanitaria de Valdeorras para este sábado, 17 de outubro, ás 17:30 horas, no Barco de Valdeorras, para reclamar a recuperación e adaptación dos servizos sanitarios do distrito ás necesidade reais da cidadanía.
O secretario provincial do PSdeG-PSOE de Ourense, Álvaro Vila Araújo, subliña que esta mobilización responde a reivindicacións “xustas e necesarias” ante unha situación que require respostas “urxentes” por parte do goberno galego. “Valdeorras non pode seguir sendo tratada como unha comarca de segunda. A veciñanza ten dereito a recibir unha atención sanitaria pública de calidade, con profesionais suficientes e servizos adaptados á súa realidade, sen que vivir lonxe das grandes cidades supoña unha desvantaxe”, sinala.
Vila Araújo considera que a Xunta de Galicia debe asumir a súa responsabilidade e abandonar a política de anuncios sen solucións efectivas. “Non abonda con falar de sanidade pública, hai que dotala de recursos, cubrir as vacantes, garantir a continuidade asistencial e recuperar a capacidade dos hospitais comarcais”, afirma, antes de apuntar que “a cidadanía de Valdeorras leva demasiado tempo reclamando respostas e o que necesita son compromisos concretos, prazos e solucións”.
Dende o PSdeG-PSOE de Ourense alertan da perda de servizos clínicos e de profesionais tanto na atención primaria como no ámbito hospitalario, así como da falta de adecuación da carteira de servizos sanitarios ás necesidades reais da poboación. Unha situación que consideran especialmente preocupante nun territorio marcado pola dispersión poboacional, a orografía de montaña, as dificultades de comunicación e o progresivo envellecemento da cidadanía. Na Foto de Carlos Hervella o Hospital Comarcal de Valdeorras.




