
Ribadavia | O PSdeG-PSOE de Ribadavia cualifica de “moi malas novas para o municipio” a previsión de que o Concello caia por baixo dos 5.000 habitantes, unha situación que, de confirmarse, suporía a perda de dous concelleiros e unha diminución estimada de arredor de 200.000 euros anuais dos ingresos municipais. As e os socialistas advirten de que esta situación é o resultado da “preocupante” falta de iniciativa do goberno local do Partido Popular, malia levar tres anos e medio alertando das consecuencias da evolución demográfica.
O PSdeG considera que o problema vai moito máis alá dunha simple cifra no padrón, xa que a perda de poboación ten consecuencias directas sobre a capacidade económica do concello, a súa representación institucional e os servizos que pode ofrecer á veciñanza. “Estamos ante un retroceso moi preocupante para Ribadavia. Non estamos falando só de perder habitantes, senón de perder recursos, representación e oportunidades nun momento no que a nosa vila precisa todo o contrario”, sinalan as e os socialistas.
O PSdeG-PSOE subliña que a situación actual contrasta coa evolución rexistrada ao remate de 2023, cando Ribadavia conseguiu recuperar e manterse por riba dos 5.000 habitantes, sen perder ningún concelleiro, tras unha etapa na que a poboación permanecera por baixo dese limiar durante dous anos de mandato do PP, pero que se recuperou da man dun goberno progresista encabezado polo PSOE. Para as e os socialistas, este antecedente demostra que a tendencia descendente podía ser abordada e revertida mediante unha política municipal activa e comprometida co futuro da vila.
“O alcalde, César Fernández, chegou a acusarnos de mentir no último pleno cando advertimos de que Ribadavia podía baixar dos 5.000 habitantes e converterse no primeiro municipio da súa historia en sufrir esta situación durante un único mandato. Os datos e a evolución actual están a demostrar que a nosa preocupación estaba máis que xustificada”, apuntan os socialistas.




