O proxecto “RC Celta Afouteza” de Mos, finalista na Bienal Española de Arquitectura e Urbanismo

Trátase da Cidade Deportiva na localidade mosense de Pereiras

Mos | O Concello de Mos celebra incorporar un proxecto mosense máis, candidato a un prestixioso premio de arquitectura. Tras o premio Gran de Area, do Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia para o Centro Dotacional do Medio Rural de Torroso, e os premios da Escola Infantil A Galiña Azul da Veigadaña, proxecto da arquitecta mosense Estefanía Grandal xunto con Faustino Patiño e Juan Ignacio Prieto, tamén do COAG na Categoría de Equipamentos en 2019 e dos Premios de Arquitectura e Rehabilitación 2020 da Xunta de Galicia; chega agora o recoñecemento á Cidade Deportiva Afouteza, finalista da Bienal Española de Arquitectura e Urbanismo.

A alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, manifestábase esta mañá “orgullosa e emocionada ante o feito de que a arquitectura mosense sexa unha vez máis recoñecida e posta en valor; de xeito que sigamos a posicionarnos e ser recoñecidos como un municipio que acolle e fomenta proxectos innovadores, prestioxiosos e de calidade, baseados nunha arquitectura funcional, respectuosa e moderna”.

A Cidade Deportiva do RC Celta recibe un prestixioso recoñecemento, a nivel nacional, como actuación innovadora, respectuosa co medioambiente e de marcada calidade. Afouteza foi elixida finalista na Bienal Española de Arquitectura e Urbanismo (BEAU) dos últimos tres anos.

“A Cidade Deportiva do RC Celta recibe un prestixioso recoñecemento, a nivel nacional, como actuación innovadora, respectuosa co medioambiente e de marcada calidade”

De entre as 600 propostas presentadas, 70, entre elas a cidade deportiva celeste, alcanzaron a final nesta XV edición da bienal que, baixo o lema ‘España baleira, España chea. Estratexias de conciliación’, expoñerase do 28 de xuño ao 16 de setembro no Pavillón de Barcelona e do 2 de xullo ao 23 de setembro no Museo Patio Herreriano de Valladolid.

A pouco máis dun mes da súa inauguración, a BEAU presentou estes primeiros resultados da convocatoria ‘Panorama de Obras de Arquitectura e Urbanismo’, que premiará o máis relevante da arquitectura e o urbanismo do últimos tres anos, de 2018 a 2020, cunha selección de 20 proxectos que se darán a coñecer como punto de partida desta XV BEAU.

Entre as preto de 600 propostas presentadas, 100 proxectos resultaron seleccionados e 70 foron elixidos finalistas para unha cita cultural convocada polo Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana a través da Dirección Xeral de Axenda Urbana e Arquitectura en colaboración co Consello Superior dos Colexios de Arquitectos de España (CSCAE) e a Fundación Arquia, que ten o obxectivo de servir de punto de encontro entre a cidadanía, a arquitectura e o urbanismo e reivindicar o valor social de ambas as disciplinas.

Elixidas segundo criterios de calidade, pertinencia, vocación social e cultural ou innovación, as obras seleccionadas e finalistas desta convocatoria reflicten, segundo o equipo de comisarios formado por Óscar Miguel Ares, Anna Bach e Eugeni Bach “non só o excelente traballo arquitectónico, paisaxístico e urbanístico dun gran número de profesionais, senón tamén o estado actual da arquitectura no noso país”.

Xunto ao director xeral de Axenda urbana e Arquitectura, Iñaqui Carniceiro, Marta Vall-Llossera, a vicepresidenta primeira de CSCAE, e Naiara Montero, arquitecta e patroa da Fundación Arquia, o equipo de comisarios da XV BEAU formou parte dun xurado ao que se uniron outros destacados profesionais como Stephen Bates, Véronique Patteeuw, María Castrillo, Carmen Moreno e Alberto Veiga.

A primeira fase da cidade deportiva celeste, proxecto dos arquitectos Jesús Irisarri Castro e Guadalupe Piñera Manso, conta con dous campos de fútbol e zona de tecnificación e instalacións interiores con vestiarios, ximnasio, sala de fisioterapia, oficinas, sala de prensa, set de televisión, comedor, etc. A Cidade Deportiva Afouteza é un proxecto innovador e sostible que aúna deporte, lecer e natureza. Durante a súa construción, baseada na arquitectura bioclimática, respectouse ao máximo a contorna, gardando un equilibrio coa paisaxe.

“A primeira fase da cidade deportiva celeste, proxecto dos arquitectos Jesús Irisarri Castro e Guadalupe Piñera Manso, conta con dous campos de fútbol e zona de tecnificación e instalacións interiores con vestiarios, ximnasio, sala de fisioterapia, oficinas, sala de prensa, set de televisión, comedor, etc”

Ademais, a edificación é autosuficiente desde o punto de vista da utilización das augas. O proxecto contempla na súa totalidade a construción de nove campos de fútbol e un edificio que crecerá ao redor deles. Esta construción dará resposta a todas as necesidades do club en todas as súas categorías, á vez que se constituirá como un novo espazo para o lecer e o entretemento.