• Segue conectado
  • |

O proxecto “Eu quero Razo-Baldaio” inicia unha semana de moita actividade, incluído un obradoiro de artesanía

Fabián Lage e Inés Rodríguez dirixirán un taller, no que tamén participa Aspaber, que ten como finalidade crear unha escultura de ferro e plástico


Carballo | Despois de quecer motores coas primeiras actividades deste verán, arrinca unha semana moi intensa para o proxecto “Eu quero Razo-Baldaio”. Aínda que para a saída do sábado 18, que nos permitirá coñecer a flora e a fauna das dunas, xa non hai prazas dispoñibles, aínda podes participar nas propostas que temos para o mércores, o xoves e o venres.

O mércores 15, coa colaboración da Asociación Ecoloxista Adega, levarase a cabo unha acción de eliminación de especies invasoras que se detectaron nas saídas da semana pasada. Para saber máis sobre a proposta, apta para toda a familia, e para inscribirte só tes que pinchar aquí.

Os días 16 e 17, o proxecto trasladarase ao Fórum Carballo, que será a sede dun obradoiro de artesanía aberto a toda a cidadanía. Tras o éxito acadado o ano pasado co taller de vimbio no que construímos a simbólica píllara situada na praia de Razo, repetimos iniciativa, pero nesta ocasión o material será o plástico e o resultado, un arroaz. Usuarios e usuarias de Aspaber levan semanas traballando na elaboración de fío de plástico a partir de botellas de auga e grazas a unha máquina deseñada polo artesán carballés Fabián Lage, que tamén foi o encargado de realizar a estrutura de ferro da nova escultura. O papel dos participantes, guiados pola artesá Inés Rodríguez, especializada en novos materiais, será a utilización dese fío de plástico para completar a escultura, unha obra colectiva que estará exposta na praia para promover a redución do plástico e o coidado do medio ambiente. Se queres participar, entra aquí.

O programa “Eu quero Razo-Baldaio”, que nesta edición leva por lema “Coñecer para valorar”, concéntrase nos meses de xullo e agosto. Debido á situación sanitaria, os grupos son reducidos, cun máximo de 20 participantes, polo que as persoas interesadas deben consultar a axenda aquí e anotarse o antes posible.

Publicado o 13 Xul 2020 en Carballo, Participación Cidadá, Portada.
Síguenos na nosa canle en TELEGRAM

Iniciar sesión

Uso de cookies

Este sitio web utiliza as cookies para que vostede teña unha mellor experiencia de usuario.
Si continúa navegando está a dar seu consentimento para a aceptación das mencionadas cookies e a aceptación da nosa política de cookies.
Faga click no enlace política de cookies para maior información. ACEPTAR

Aviso de cookies