O Premio Otero Pedrayo 2023 recoñece o labor do profesor Darío Villanueva

Pola súa contribución á cultura no campo das letras e do coñecemento

Lugo | O xurado do Premio Otero Pedrayo, impulsado pola Xunta de Galicia e as catro deputacións provinciais, vén de fallar o galardón deste 2023 a favor de Darío Villanueva Prieto, polos seus “méritos no académico, na investigación e na actividade profesional como crítico literario e escritor, así como no institucional”.

O premio está dotado con 16.000 euros e recoñece a contribución á cultura de persoas e entidades no campo das letras e do coñecemento, como é exemplo Villanueva.

O xurado, composto por representantes do Goberno galego, das catro deputacións, das universidades galegas, da Real Academia Galega, o Instituto de Estudos Galegos Padre Sarmiento e da Fundación Otero Pedrayo, destacou a traxectoria do vilalbés, autor de numerosos ensaios sobre escritores como Valle-Inclán, Azorín, Torrente Ballester, Camilo J. Cela ou Emilia Pardo Bazán. Tamén foi presidente da Real Academia Española e reitor da Universidade de Santiago de Compostela.

O Premio Otero Pedrayo busca perpetuar e honrar a memoria do ilustre galeguista, promover os valores propios de Galicia e as obras que leven ao esclarecemento e á mellora da súa cidadanía e institucións.