O PP presenta no Pereiro tránsfugas doutras formacións

O PSdeG denuncia o "mercado caciquil do baltarismo"

Pereiro de Aguiar | O PSdeG-PSOE de Pereiro de Aguiar critica que o Partido Popular aposte por unha candidatura, de cara ás eleccións municipais do 28 de maio, na que destacan dous “tránsfugas”.

Os e as socialistas explican que os populares incluíron na súa lista no número 9 ao ex candidato e aínda concelleiro de Democracia Ourensana, Francisco González Fraga, e de suplente ao ex candidato de Compromio por Galicia, Antonio Alberto dos Santos, aos que se suma no nº 4 a que foi coordinadora de Ciudadanos en Ourense, María Rodríguez Outeiriño.

Dende a Agrupación Socialista en Pereiro de Aguiar afirman que o PSOE “é o único partido que fixo sempre verdadeira oposición ao goberno municipal” e apuntan que os e as socialistas “non se venden ao PP a cambio de migallas, como si fan outros cargos e candidatos doutras formacións políticas”.

Neste senso, o PSdeG de Pereiro subliña que “ás listas electorais nos remitimos, onde os populares veñen de mercar a tres representantes doutras formacións, como se a política fose un mercado de fichaxes no que poder realizar incorporacións ou cambiar cromos”.

A candidata do PSdeG-PSOE á alcaldía de Pereiro de Aguiar, Luisa Dosantos de Jesús, fai fincapé en que a veciñanza “está canso dos continuos mercadeos de candidatos do Partido Popular” e tal e como apunta “así nolo fixeron saber nos últimos días, cando estivemos porta a porta escoitando as inquedanzas e os problemas dos veciños e das veciñas de Pereiro de Aguiar”.

A cabeza de lista da candidatura socialista afirma que “estamos ante un caso evidente e indiscutible de transfuguismo” impulsado, unha vez máis, polo habitual “mercado caciquil do baltarismo baseado na compra de vontades desde a Deputación de Ourense e dende os concellos afíns”.

Dosantos de Jesús explica que no caso de Antonio Alberto dos Santos, candidato de CxG nos comicios electorais de 2019, “a fichaxe xa se fixo durante o actual mandato, cando o candidato á alcaldía de Compromiso por Galicia se afiliou ao PP, anunciando a súa fichaxe a bombo e platillo nas redes sociais”. Con respecto ao actual voceiro de Democracia Ourensana, Francisco González Fraga, a candidata socialista sinala que “esta fichaxe chega despois dun mandato no que PP e DO venderon un falso pacto de goberno, xa que o PP para nada precisaba de Democracia Ourensana, ao ter maioría absoluta”.

O PSdeG-PSOE de Pereiro lembra que dende o inicio de lexislatura o voceiro de DO “dedicouse a facer oposición á oposición, en lugar de facerlla ao PP” e tal e como apuntan as e os socialistas “foi tras varias reiteracións do noso grupo para que aclarara a súa postura, cando anunciaron o falso pacto de goberno, coa única intención de confundir e enganar á veciñanza e preparar o camiño para incorporar ao voceiro de DO, ás listas do PP”. Os e as socialistas de Pereiro consideran que esta forma de actuar do Partido Popular pon de manifesto que “non queren cumprir a vontade do pobo e fomentan que a corporación municipal non respecte o que decidiron democraticamente as urnas”.