O Porriño vibrará co 43º Trofeo Horacio Barros de ciclismo

Este 1º de maio no Parque de Torneiros

O Porriño | O Concello do Porriño acolleu esta mañá a presentación do 43º Trofeo Horacio Barros, unha das citas máis destacadas do ciclismo base galego. No acto estiveron presentes o alcalde, Alejandro Lorenzo, o concelleiro de Deportes, Abel Estévez, e o propio Horacio Barros, figura histórica do ciclismo na comarca. Tamén asistiron Juan José Álvarez, presidente do club organizador Master da Louriña, Rafa Pérez, patrocinador do evento, así como un grupo de novos ciclistas de base que tomarán parte na competición.

Durante a presentación, o alcalde Alejandro Lorenzo subliñou a importancia desta cita deportiva para o municipio: “O Trofeo Horacio Barros é un orgullo para O Porriño, non só pola súa longa traxectoria, senón tamén polos valores que representa: esforzo, superación e compañeirismo”, destacou.

O Trofeo, que se celebrará o próximo 1 de maio no Parque de Torneiros, reunirá a ciclistas das categorías promesa, principiante, alevín, infantil, cadete e júnior feminina. A competición comezará ás 10:00 horas, sucederanse distintas probas adaptadas a cada categoría e culminará coa entrega de premios prevista para as 13:15 horas.

Neste sentido, o concelleiro de Deportes, Abel Estévez, destacou o esforzo organizativo e o valor desta cita para o deporte local: “Non é só unha competición, é unha festa para as familias e un impulso ao deporte base, onde se sementan os soños dos futuros campións”, afirmou.

A presentación tivo tamén un momento emotivo no que se recoñeceu a figura de Horacio Barros, pioneiro e promotor do ciclismo na comarca da Louriña, cuxo legado continúa a inspirar ás novas xeracións. A presenza dos novos ciclistas de base no acto deu un simbolismo especial á xornada, reforzando o espírito de continuidade e ilusión que define este trofeo.

Desde o Concello do Porriño anímase á cidadanía a achegarse o 1 de maio ao Parque de Torneiros para apoiar ás futuras promesas do ciclismo e gozar dunha xornada de deporte, convivencia e entusiasmo.

Deixa unha resposta

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.