O Porriño, referente galego en doazón de sangue

Con 1.375 doazóns en 2024, superior á media galega

O Porriño | O Concello do Porriño continúa a destacar polo compromiso solidario da súa cidadanía nas doazóns de sangue e anima a seguir participando nunha das campañas máis importantes do ano. En 2024, a veciñanza efectuou 1.375 doazóns de sangue, o que supuxo 66 doazóns por cada 1.000 habitantes, unha taxa 27 puntos superior á media galega e que sitúa ao municipio como un dos máis solidarios da provincia de Pontevedra e de toda Galicia.

Dende a Axencia Galega de Sangue, Órganos e Tecidos (ADOS) sinalan que do presente exercicio, polo momento, non se dispoñen de datos oficiais pero aseguran que a participación está sendo excelente e estímase unha participación similar, “o que xa é moito, pois acadadas estas taxas de doazón, resulta complexo xa non só incrementalas, senón mantelas. Trátase de índices moi elevados e que falan moito e moi ben do carácter solidario dos seus veciños e veciñas”, indican dende ADOS.

Neste sentido, o alcalde do Porriño, Alejandro Lorenzo, expresa “o noso máis sincero agradecemento a todas as persoas que, coa súa solidariedade, contribuíron a estas elevadas cifras de doazón. A presenza da unidade móbil hoxe na nosa vila é unha nova oportunidade para que moitas máis persoas se sumen a este xesto altruísta. Cada doazón axuda a salvar vidas e fortalécenos como comunidade.”

Con motivo da campaña especial de Nadal, que se estende do 15 de decembro ao 15 de xaneiro para cubrir as necesidades dos centros sanitarios, unha unidade móbil de doazón de sangue permanece hoxe no Porriño. Está, como sempre, ao carón do Centro Cultural, en horario de 10.00 a 14.30 horas e de 16.00 a 21.00 horas, facilitando así que máis persoas poidan doar sangue sen ter que desprazarse fóra do municipio.

A colaboración de todos é fundamental para alcanzar a meta de 8.500 doazóns que precisan os centros sanitarios nestas datas tan especiais. Dende ADOS aseguran que “nos consta a excelente participación de todos os veciños e veciñas do Porriño e, por suposto, da corporación municipal, que sempre nos apoia no desenvolvemento de campañas destinadas a promover este acto solidario. Ademais, todas as iniciativas destinadas a sensibilizar á poboación que parten desde a corporación municipal axúdanos a achegarnos de modo máis directo á cidadanía”.

Deixa unha resposta

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.