O Porriño premia aos seus deportistas de elite

Con 14 bolsas e unha partida orzamentaria de 25.000 euros

O Porriño | O Concello do Porriño fixo entrega das súas primeiras bolsas municipais destinadas a deportistas individuais federados. Trátase dunhas axudas pioneiras na localidade que contaron cunha partida orzamentaria de 25.000 euros co obxectivo de recoñecer publicamente o esforzo e apoiar economicamente os atletas locais que acadaron os maiores éxitos deportivos nos últimos anos.

Durante o acto, o alcalde do Porriño expresou o orgullo que supón para o municipio contar con estes deportistas, subliñando que “é un orgullo que O Porriño luza nos vosos currículums, nas vosas camisetas e nos vosos triunfos, e que a nosa cativada vos teña como referentes. Por iso, sabendo o esforzo —non só físico, senón tamén económico— que supón a alta competición, queremos achegar a nosa parte para que sigades acadando éxitos”.

O rexedor destacou que con este empurróno concello busca axudar a «seguir impulsando a estes deportistas nas pistas e nos podios antes de facer entrega dos diplomas acreditativos a cada un dos premiados. As contías, que se distribuíron en bolsas de entre 1.000 € e 1.500 € por atleta, premiaron os méritos acadados desde o 1 de xaneiro de 2021 por un total de 14 deportistas de élite de diversas disciplinas. Todas de caracter individual, xa que o concello dispón tamén de axudas aos clubes deportivos.

Esta liña de axudas supón a primeira convocatoria destas características posta en marcha na localidade. Segundo destacou o alcalde do Porriño, o goberno local busca axudar aos deportistas ao ser plenamente conscientes do enorme sacrificio que supón dedicarse ao deporte de alta competición, especialmente cando se compite de xeito individual, un esforzo que é tanto físico como económico. Por este motivo, dende o concello decidouse sacar adiante esta primeira liña de axudas específicas para eles.

As contías distribúense en bolsas de entre 1.000 € e 1.500 € por atleta, destinadas a premiar os méritos acadados desde o 1 de xaneiro de 2021. Entre a nómina de deportistas locais galardoados atópanse importantes figuras da localidade en diversas disciplinas. En boxeo serán recoñecidos David Álvarez Domínguez, campión galego en 2022; Álex Manuel Castro Alonso, campión galego Élite en 2026; e Manuel Hermida, campión galego categoría Xove en -75kg en 2026. No ámbito do ciclismo e BTT destacan Laura M. Mira Juárez, campiona galega de Ciclocross sub-23 en 2025; Aroa Otero Táboas, campiona galega de BTT-XCO en 2025; Jorge Pérez Cuña, campión galego de BTT Resistencia en 2026; Santos Lemos, campión de España Enduro en categoría Máster 30B en 2022; e Ana María González Cuña, campioa de España de Maratón Máster 40B en 2021.

A lista de premiados complétase con destacados nomes noutras modalidades individuais como a golfista Alba González Fernández, campiona galega absoluta en 2022; o atleta Sergio Rodríguez Teixeira, dobre campión de España máster 35 nas probas de 200 e 400 metros en 2026; o ximnasta Hernán Sío Trillo, campión de España individual junior en 2022; a corredora María Martínez González, campiona de España de Trail Running en 2026; a triatleta Carla Guisande Vieito, campiona galega sub-23 de Triatlón de Estrada en 2025; e a ximnasta Lucía Casilla Maceira, campiona galega xuvenil base de ximnasia rítmica en 2024.

Para optaren a estas axudas de concorrencia non competitiva, que serán anuais, os solicitantes debían cumprir condicionantes como ser maiores de idade, estaren empadroados no Porriño cunha antigüidade mínima de dous anos ou ser Deportistas Galegos de Alto Nivel nados no municipio, ademais de ter a licenza federativa vixente e non estar cumprindo ningunha sanción deportiva.

As bolsas foron deseñadas para cubrir gastos derivados directamente da actividade deportiva profesional ou de alto rendemento, tales como a adquisición de material, indumentaria, inscricións en campionatos e desprazamentos ou carburante para asistir a competicións oficiais, quedando excluídas as disciplinas por equipos, parellas, dobres ou relevos, así como as probas populares ou escolares.

Deixa unha resposta

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.