O Porriño impulsa á Festa dos Callos e á Feira Apícola como de Interese Turístico

Pola súa importancia cultural, gastronómica e turística para a rexión

O Porriño | O Concello do Porriño iniciará os trámites necesarios para declarar a Festa dos Callos e a Feira Apícola Rías Baixas, dous emblemáticos eventos da localidade, como Festas de Interese Turístico de Galicia, en recoñecemento á súa importancia cultural, gastronómica e turística para a rexión.

A Festa dos Callos é un evento enraizado na cultura e tradición do municipio que este chegará xa á súa trixésimo primeira edición. Esta festividade, que se celebra anualmente os meses de setembro/outubro, é unha ocasión única para exaltar os sabores da gastronomía local e para compartir momentos de convivencia e fraternidade coa comunidade e visitantes.

“A Festa dos Callos, ademais de ser unha celebración gastronómica, é unha oportunidade para poñer en valor os nosos produtos e os nosos artesáns, así como para dinamizar a nosa economía local e promover o turismo na nosa rexión”, expuxo a concelleira de Turismo, Vanessa Ucha, “Cada ano, a festa atrae a un gran número de visitantes, que quedan cautivados pola autenticidade e o ambiente festivo que se vive nas nosas rúas”.

Neste sentido, a declaración da Festa dos Callos como Festa de Interese Turístico de Galicia non só recoñecería o valor e a trascendencia desta festa para O Porriño, senón que tamén abriría novas oportunidades para a súa promoción e difusión a nivel rexional e nacional.

“Ademais, esta declaración contribuiría a reforzar a nosa identidade cultural e turística e a poñer en valor os nosos recursos gastronómicos e turísticos”, continuou a edil.
Unha declaración á que aspirará tamén a Feira Apícola Rías Baixas, un evento emblemático en toda a rexión que se celebra cada ano na vila do Louro. Esta feira, que pon en valor tradición apícola do concello e a calidade dos nosos produtos derivados da colmea, é un verdadeiro escaparate da cultura e gastronomía local.

A Feira Apícola Rías Baixas non só é un evento de interese para os amantes da apicultura e da natureza, senón tamén unha oportunidade para dinamizar o sector turístico e promover a identidade do Porriño como destino turístico. Cada ano, a feira atrae a un gran número de visitantes, que gozan das actividades, exposicións e degustacións que se organizan durante os días do evento.

“A súa declaración como Festa de Interese Turístico de Galicia tamén nos permitiría reforzar o noso compromiso co turismo sostible e responsable e poñer en valor os nosos recursos naturais e gastronómicos”, concluíu a concelleira.

O primeiro paso para iniciar a solicitude deuse hoxe no pleno da corporación, onde as propostas do executivo foron aprobadas, sumándose á do Xogo da Ola que se está a tramitar tamén.

Deixa unha resposta

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.