O Porriño habilitará espazo para a veciñanza sobre actualización catastral

En colaboración coa Xerencia Territorial do Catastro e ORAL

O Porriño | A partir deste luns 19 de xullo, o Concello do Porriño habilitará un espazo de información á veciñanza no salón de plenos para aclarar as dúbidas e consultas sobre a actualización da calificación das parcelas, realizada pola Xerencia Territorial do Catastro en aplicación da lexislación vixente de ámbito estatal.

O punto de información será atendido por funcionarios da Xerencia Territorial do Catastro e do Organismo de Recadación de Administración Local (ORAL). Funcionará de luns a venres, de 9:00 a 14 horas.

Esta atención personalizada aos contribuíntes foi solicitada polo Concello ao Catastro e ao ORAL á vista das numerosas demandas de aclaración que chegan ás dependencias municipais e a través da “app” “O Porriño Informa”.

Hai que ter en conta que nada menos que 17.400 parcelas (dende a última revisión de valores que data de 1985) pasan a ter consideración de chan urbano e polo tanto pasan do padrón de rústico ao de urbana. Esta revisión tamén terá como referencia os valores catastrais de 1985 aos efectos dos recibos do IBI.