O Porriño e Mos anuncian “nova etapa de colaboración”

Con actividades conxuntas e xestión de asuntos en común
Os alcaldes do Porriño, Alejandro Lorenzo, e Mos, Nidia Arévalo, anunciaron plena colaboración en actividades conxuntas.

O Porriño | O vindeiro domingo 2 de xaneiro, se as condicións meteorolóxicas o permiten, Porriño e Mos celebrarán conxuntamente o desfile das rondallas de ambos concellos, segundo acordaron hoxe os respectivos rexedores municipais.

Alejandro Lorenzo e Nidia Arévalo informaron de que esta é a primeira mostra do novo tempo nas relacións de ambos concellos. Os dous rexedores mantiveron hoxe dúas xuntanzas. A primeira no Concello do Porriño e a segunda na rotonda das Angustias. Nesta segunda reunión acordouse organizar un único desfile das rondallas que partirá de ambos concellos e se cruzarán en dous puntos.

Esta tarde reuniranse os responsables das catro rondallas de Mos (Santa Eulalia, Herville, Santiaguiño de Guizán e Torroso) e as dúas de Porriño (Santa Eulalia de Atios e Asociación Cultural Musical de Pontellas) para resolver os detalles da posta en escena do desfile.
A idea é que tres rondallas partan da rotonda de Costilleta en Mos e as outras tres dende a avenida Domingo Bueno e da rúa Antonio Palacios, no Porriño.

Os dous rexedores indicaron que, en todo caso, a celebración do evento ao aire libre realizarase cumprindo estrictamente cos protocolos anti-Covid esixidos pola autoridade sanitaria e coa vixilancia da Policía Local de ambos concellos.

Ademais, ambos Concellos dotarán de prazas de aparcamento alternativas para os compoñentes das rondallas e o público que acuda ao desfile ao longo do percorrido. O desfile será retransmitido por “streaming”.

“Plena colaboración”
O alcalde Lorenzo manifestou que “considerando que somos dous pobos irmáns e que queremos confraternizar e compartir diversas actividades, decidimos facer un certame conxunto de rondallas na rúa para disfrute de todos”, engadiu o alcalde Lorenzo.

A alcaldesa de Mos e o alcalde de Porriño mantiveron esta mañá unha primeira reunión de traballo que simboliza o pleno restablecemento das relacións entre ambos concellos.
Nidia Arévalo avanzou que “tratamos de asuntos en común como o deslinde e a auga “.

“Abrimos un novo tempo que se vai caracterizar pola total colaboración entre ambos concellos”, anunciou a rexedora de Mos. Pola súa banda Alejandro Lorenzo valorou que “temos moitas sinerxías e a cooperación necesaria entre os dous municipios permitirá tamén aforrar custes”.