O Porriño culmina con éxito o seu Obradoiro de Emprego

Con formación para unha vintena de persoas durante nove meses

O Porriño | O alcalde do Porriño, Alejandro Lorenzo, acompañado pola concelleira de Emprego e Formación, Rosario Costas, participou esta mañá no acto de clausura do Obradoiro de Emprego “Porriño Labora” promovido polo Concello do Porriño a través dunha subvención da Xunta de Galicia.

Foron nove meses de actividade nos que os vinte alumnos/as aprenderon un oficio e acometeron importantes obras de mellora no municipio. O obradoiro –dirixido a persoas desempregadas- organizábase en dúas especialidades: dez alumnos formáronse no de albanelería, fontanería e climatización e outra decena o fixo no de carpintería.

“O emprego é un eixo fundamental da nosa acción de goberno. Seguiremos apostando por mellorar a empregabilidade da veciñanza que se atopa en situación de desemprego e facilitar a súa inserción laboral”, explicou o rexedor.

“Este modelo formativo permite que estas persoas se formen e incrementen as súas oportunidades de inserción en sectores con demanda mentres reciben unha remuneración polo seu traballo e, á vez, contribúen ao ben colectivo con obras públicas e accións a través das prácticas”.

No mesmo sentido se expresou a concelleira que destacou a eficacia deste modelo de formación e a implicación dos alumnos e alumnas no transcurso do mesmo.

Propietarios na obriga de limpeza das súas fincas
O Concello do Porriño fai un chamamento á responsabilidade dos propietarios de fincas e lémbralles a obrigatoriedade mantelas limpas de maleza e arborado prohibido que, en caso de incendio forestal, poden supoñer un perigo.

A Lei de Prevención e Defensa de incendios forestais de Galicia establece que propietarios de todas as fincas teñen a obriga de mantelas en condicións de salubridade, seguridade e limpeza co fin de previr e evitar incendios, tendo que respectar unha distancia de seguridade de 50 m libre de maleza, piñeiros, eucaliptos e todas aquelas especies que regula a normativa.

En caso de incumprimento o Concello do Porriño notificará e dará un prazo de 15 días para subsanar a situación e, de non facelo, executará forma subsidiaria con repercusión dos costes aos propietarios ou imposición de multas coercitivas reiteradas ata que se cumpra o ordenado, en contía de 300 a 6.000 euros, reiterables ata lograr a execución, sen perxuízo da instrución do procedemento sancionador que corresponda.