O Porriño busca ser “Concello Emprendedor”

O Concello iniciou os trámites para ingresar na rede de Concellos Emprendedores

O Porriño | O alcalde do Porriño, Alejandro Lorenzo, decretou o inicio dos trámites precisos para que o Concello do Porriño se adhira a iniciativa de Concellos emprendedores. Co obxectivo de sumarse a este protocolo de impulso á iniciativa empresarial, o vindeiro luns levaranse a pleno as modificacións precisas nas ordenanzas fiscais que regulan os impostos do ICIO e o IAE, que permitirán completar os requisitos necesarios para solicitar a adhesión á rede.

“A declaración da Concello Emprendedor é algo que o noso tecido empresarial leva reclamando tempo e que beneficiará á veciñanza do Porriño, xa que facilitará o asentamento de empresas no noso termo municipal, e con elas a creación de emprego de calidade, e impulsará o emprendemento”, explicou o alcalde, “Con este acordo entre administracións facilitaremos o acceso a solo industrial e aportaremos estabilidade e seguridade xurídica, algo esencial neste momento para impulsar un proxecto empresarial”.

Así, o Concello do Porriño comprométese a proporcionar ás empresas e persoas emprendedoras máis incentivos fiscais, con bonificacións de ata o 95% no IBI, IAE e ICIO a aqueles proxectos que impliquen implantación ou ampliación de empresas, simplificación administrativa e máis facilidades de acceso a solo industrial, con bonificacións e incorporación do dereito de superficie para favorecer o acceso a solo empresarial no Porriño.

Pola súa parte, a Xunta de Galicia establecerá unha discriminación positiva na ordes de axudas , que se convocan en réxime de concorrencia competitiva tanto a favor do concello como das empresas, autónomos ou entidades sen ánimo de lucro para a implantación de iniciativas empresariais no Porriño.

I Carreira de Empresas de Galicia
As empresas galegas teñen unha cita co running no Porriño o vindeiro 8 de outubro. A vila do Louro acollerá a primeira edición da Carreira de Empresas de Galicia, un novo formato en auxe das carreiras populares para o fomento da práctica deportiva nas empresas, apostando polo benestar a nivel persoal e laboral.

Tal e como se indica dende a organización, a práctica deportiva por parte dos empregados mellora o seu rendemento e desempeño laboral, polo que as empresas que apostan polo talento deben preocuparse polo benestar dos seus traballadores en todas as súas dimensións.

Neste peculiar evento poderán participar traballadores por conta allea (sempre que se inscriban como equipo de ata 4 compoñentes todos da mesma empresa ou ben sexan socios acreditados da mesma), profesionais autónomos ou parados de maneira individual ou atletas ou deportistas individuais.

A carreira está organizada polo Interrunning Club, en colaboración co Concello do Porriño, e aspira a superar todas as expectativas.

O prazo de inscrición abrirá o próximo 31 de xullo en www.ccnos.com e o custe será de 8 euros (do 31 de xullo ao 15 de agosto) e de 10 euros (do 16 de agosto ao 30 de setembro). Hay que destacar o carácter solidario deste evento, xa que o importe íntegro da inscrición será doado á Asociación Bicos de Papel (Asociación de axuda aos Nenos Oncolóxicos do Hospital Álvaro Cunqueiro).

Serán un total de 3 carreiras: unha andaina de 6 km, unha carreira de 20 ou 10 km e unha carreira de 100 metros para os Pitufos. A idade mínima para participar é de 16 anos, excepto na proba dos Pitufos (nados a partir do 1 de xaneiro do 2019). A andaina e a proba de Pitufos son probas non competitivas pero as carreiras 5K e 10K si o son.