O Porriño aposta polo voluntariado ambiental

Para labores de limpeza e eliminación de especies invasoras no río Couso

O Porriño | O Concello do Porriño, a través da Concellería de Xuventude (OMIX), que dirixe Antonio Barros, fai un chamamento á cidadanía porriñesa interesada en botar unha man, participe como voluntaria nos labores de limpeza e eliminación de especies invasoras que se levará a cabo no río Couso en colaboración coa asociación ecoloxista Verdegaia.

O río Couso é un afluente do río Louro que se estende ao longo duns poucos quilómetros polas parroquias de Cans e Atios. No seu tramo final, entre a liña de tren Porriño-Tui e o punto no que desemboca o río Louro, alberga unha elevada biodiversidade, algo habitual nos cursos de auga próximos ao río. Pero nos últimos anos sufriu a expansión de varias especies tóxicas invasoras (EEI) que provocaron o desprazamento de especies autóctonas, polo que se alterou significativamente o ecosistema.

As intervencións que se levarán a cabo estarán supervisadas por membros da asociación Verdegaia que contan cunha ampla experiencia en actividades de restauración ambiental e de eliminación de especies invasores.

“Pretendese con esta actividade recuperar a riqueza deste pequeno ecosistema coa retirada de residuos do leito do río e a extracción dalgunha das EEII”,explicou o concelleiro. Entre as invasoras identificadas destacan a orella de gato (Tradescantia fluminensis), crocosmia (Crocosmia crocosmiiflora), xunca (Cyperus eragrostis), tintureira ou uvas de can (Phytolacca americana), bambú (Phyllostachys aurea), cana (Arundo donax) e a falsa acacia (Robinia pseudoacacia).

As tarefas desenvolveranse en catro fases unha primeira que se celebrarán os sábados 30 de setembro, 14 de outubro e 28 de setembro, en horario de 11 a 13 h. Tamén se realizará unha presentación do informe final dos traballos no mes de novembro ao CHMS e ao Concello.

As prazas son limitadas a 20 persoas por xornada e a idade mínima para participar é de 18 anos.

Dende a OMIX do Porriño aproveitan para agradecer a colaboración e solidariedade da veciñanza. Aquelas persoas interesadas en formar parte do equipo de voluntariado, poderán informarse e/ou inscribirse no teléfono 986337624 (ext. 1) ou no correo electrónico omix@oporrino.org , ata o día 27 de setembro.

Ao mesmo tempo, a Concellería de Xuventude, tomando como punto de partida esta experiencia, anuncia a futura posta en marcha dun Programa Municipal de Voluntariado. Se algunha persoa está interesada en sumarse poderá achegarse ás dependencias da OMIX-Centro Cultural Municipal, e solicitar información.