O polígono industrial de Xinzo de Limia terá sistema de videovixilancia

O investimento ascende a 36.711,97 euros

Xinzo de Limia | Gabriel Alén, delegado da xunta, desprazouse ao Concello de Xinzo de Limia para visitar, acompañado da alcaldesa, Elvira Lama, e do presidente da Asociación de Empresarios, José Manuel Gómez, o parque empresarial deste municipio, onde a Vicepresidencia segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación vai investir 36.711,97 euros na instalación dun sistema de videovixilancia.

O delegado territorial explicou que a actuación consiste na instalación dun sistema de videovixilancia neste recinto empresarial. O sistema –segundo o representante do Goberno galego– contará con cámaras de visión nocturna (12 cámaras de tecnoloxía IP con 4 k de resolución e visión nocturna, conectadas mediante fibra óptica co servidor gravador), especialmente deseñadas para o recoñecemento de matrículas, conectadas todas elas a un equipo conmutador de rede.

Este sistema está xestionado por un servidor con software específico de control, que posibilita a visión en tempo real de cada unha das cámaras dende calquera ordenador con conexión a internet, así como o almacenamento de imaxes e envío de alarmas.

Gabriel Alén subliñou tamén que está a piques de licitarse a obras de urbanización da ampliación do mesmo nas que a Xunta investirá máis de 3,6 millóns. Deste xeito, significou que coa ampliación do parque empresarial de Xinzo de Limia, este terá unha superficie total de 118.695 m2, dos que 86.521 m2 se corresponden ás 23 parcelas de usos industrial e comercial nas que quedará dividido esta área empresarial.

A provincia de Ourense contará con proxectos en 11 parques empresarias, pertencentes a 10 concellos, que se apoiarán en un investimento de máis de 1,1M de euros, dos que 912.222 euros serán aportados pola Xunta.

Desde a súa posta en marcha, a través das liñas para a mellora dos parques empresariais galegos e para a creación de novos viveiros industriais, lévanse apoiados 593 proxectos de mellora nos parques empresariais e impulsados 13 viveiros industriais.