O polaco Dominik Jakubowski gaña a XVI Bienal Internacional de Cartelismo Terras Gauda – Concurso Francisco Mantecón

O xurado deu o seu veredicto este 21 de xuño na Estación Marítima de Vigo

Vigo | Tras obter o fallo por unanimidade do xurado cualificador, o deseñador gráfico polaco Dominik Jakubowski foi o gañador da XVI Bienal Internacional de Cartelismo Terras Gauda – Concurso Francisco Mantecón, evento celebrado este 21 de xuño na Estación Marítima de Vigo, organizado polas adegas Terras Gauda coa colaboración da Xunta de Galicia, a Axencia de Turismo de Galicia, a Autoridade Portuaria de Vigo e a Deputación de Pontevedra.

O gañador levouse como premio 10.000€ e foi entregado o seu galardón polo presidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda. O 1º accesit da Autoridade Portuaria de Vigo correspondeu a Ana Barrado, de Cáceres; o 2º accesit a Laura Westmark, alumna da Universidade SCAD (Savannah College of Art and Design) de EEUU; a Mención Especial foi para Nuria Gómez Silgado, de Madrid; e unha Mención Extraordinaria para Carolina Brut, de Tarragona. A dotación económica ascendeu a 17.000€ en total.

Os 56 finalistas premiados foron de Arxentina, Austria, Brasil, Bulgaria, Chile, Cuba, España, Finlandia, Irán, Israel, Italia, México, Polonia, República Checa, Rusia, San Marino, Turquía, Reino Unido, EEUU e Venezuela. Esta Bienal recibiu unhas 21.000 obras de 100 países, sendo finalmente seleccionadas unhas 1.283 obras procedentes de 70 países, destacando traballos individuais e colectivos de institucións de prestixio dende París a San Francisco; de Cidade de México a Londres ou Xangai.

O evento contou coa participación de 400 representantes da sociedade galega. O xurado foi presidido por José María Fonseca Moratón, presidente do Grupo Terras Gauda, quen salientou o valor do cartelismo “que non coñece fronteiras; une culturas”.

O resto do xurado estivo composto polos deseñadores gráficos Pati Núñez e Rodrigo Sánchez; Enrique Costas do Grupo Terras Gauda; Carlos Botana, presidente da Autoridade Portuaria de Vigo; Ana Ortiz, delegada da Xunta de Galicia en Vigo; Tanel Lind, de Estonia, gañador da edición 2023; Marcos Mantecón, fillo de Francisco Mantecón; e Paulino Novo, secretario e filólogo, quen foi o encargado de nomear aos premiados.

O acto foi presentado polo xornalista Fernando Ónega, acompañado de José María Fonseca Moratón, Alfonso Rueda, Carlos Botana e a segunda vicepresidenta da Deputación de Pontevedra, Luisa Sánchez Méndez.