O pintor lucense Modesto Trigo constrúe un museo de oficios perdidos

Será na súa localidade natal en Gundivós (Sober)

Sober | O pintor e escultor de Sober, Modesto Trigo, proxecta a construción dun museo de oficios perdidos en Gundivós. Con este obxectivo o artista está a traballar nun proxecto que, próximamente, prevé achegar á súa vila natal parte da súa obra pictórica e tamén cadros de diferentes artistas.

A idea vai máis alá da parte artística e pretende converterse tamén nun espazo de referencia para rescatar oficios perdidos ou case perdidos, como pode ser o de canteiro. Os cadros que formen parte das exposicións explicarán a tradición histórica e con eles animará a recuperar eses oficios como unha forma para asentar poboación no rural.

Ademáis do museo, o artista ten previsto acondicionar un taller no que poder traballar as temporadas que estea en Sober, así como contar con diferentes espazos colaboradores nos que amosar a súa obra, relacionada directamente co rural da zona e a Ribeira Sacra.

Tal e como el mesmo explica “trátase de poder pintar aí e traballar no concepto de aldea global desde o lugar no que nacín. Desa maneira o traballo que se faga servirá como resonancia de Gundivós e de Sober”. Recoñece que se trata dun proxecto “ambicioso” que reúne arte, ciencia e sustentabilidade co que non só expoñer arte, senón facerlle ver á xente que no rural tamén hai posibilidades.

O pintor, natural de Gundivós, está afincado en Madrid e a súa obra pictórica ten sido exposta por todo o mundo. Na actualidade prepara unha exposición no Museo Nacional de Ciencias Naturales de Madrid titulada ‘Arte y Ciencia’.