O Pereiro de Aguiar volve ao consorcio de Turismo da Ribeira Sacra

Sober terá a presidencia e Nogueira de Ramuín a vicepresidencia

O Pereiro de Aguiar | O Concello do Pereiro de Aguiar regresa ao Consorcio de Turismo da Ribeira Sacra, como concello membro de pleno dereito, con voz e con voto. “Termina así, felizmente, un longo proceso de catro anos de xestións para reintegrar ao noso concello nesta entidade, despois da inxusta exclusión de 2005”, afirma Luís Menor Pérez, alcalde do Pereiro e presidente da Deputación de Ourense.

A incorporación do Pereiro ao consorcio foi ratificada nunha reunión celebrada no salón de actos do Concello de Monforte de Lemos (Lugo). “É un día histórico para Pereiro”, valora Menor. Participaron os 26 membros da entidade –a metade da provincia de Ourense–, quen elixiu ao presidente para o novo mandato, un cargo que seguirá desempeñando Luís Fernández Guitián, rexidor de Sober. A vicepresidencia recae sobre Carlos Temes, rexidor de Nogueira de Ramuín concello onde está localizada a sede administrativa do consorcio.

Satisfeito no plano persoal e como representante do Pereiro, Menor Pérez valora a pertenza a unha entidade de promoción turística, na que –destaca– “imos ser unha parte fundamental na toma de decisións”. O alcalde aprecia unha “gran oportunidade” de incorporarse á Ribeira Sacra, un xeodestino de elevado valor turístico, “no que imos achegar moito, e que tamén nos vai a achegar moito”, subliña.

Luís Menor indica que Pereiro “será un socio privilexiado, pola situación do municipio como porta de entrada a un espazo natural, paisaxístico e patrimonial que opta á declaración de Patrimonio da Humanidade”.

O alcalde do Pereiro defende a “contrastada” capacidade hostaleira e de restauración do concello, e destaca que “estamos en condicións de ofrecer todos os servizos que demanda o viaxeiro”, en alusión a espazos como o complexo deportivo e o parque acuático de Monterrei, unhas instalacións que o próximo verán estarán plenamente operativas.

Ademais do Pereiro, ingresan tamén no consorcio os concellos ourensáns de Chandrexa de Queixa, A Póboa de Trives, Manzaneda e San Xoán de Río.