O Pereiro de Aguiar impulsa a investigación e posta en valor do Castelo de Parada

Co énfase na súa misteriosa inscrición "Sicenata pacata"
O penedo granítico no que emerxe a enigmática inscrición Sicenata Pacata.

O Pereiro de Aguiar | A moi poucos metros da aldea de San Salvador de Vilariño, no Concello ourensá de Pereiro de Aguiar, encóntrase un dos gravados en pedra máis enigmáticos de España. Nun penedo granítico disposto a un lateral do camiño emerxe a inscrición Sicenata Pacata. Un epígrafe descrito xa por Ferro Couselo na década dos setenta do pasado século como posible resultado da pacificación destas terras hai máis de dous mil anos.

Ferro Couselo e outros especialistas abriron a porta á interpretación de que os caracteres gravados na pedra sexan de época romana e a súa posible tradución sexa algo semellante a vencidos, pacificados.

Hipótese que tenlle servido a moitos outros para imaxinar que no Concello de Pereiro de Aguiar encóntrase o famoso Monte Medulio. Lugar onde se suicidarían os derradeiros combatentes galaicos para evitar ser escravos do exército romano.

Garantir a conservación do epígrafe e determinar a súa antigüidade é un dos obxectivos do equipo de técnicos que dende esta semana traballa na zona. O arqueólogo director da intervención, Martiño Xosé Vázquez de Xeitura S.Coop.Gal., pedía prudencia á hora de aventurar a antigüidade da inscrición “pois todos os materiais recuperados no sitio polo momento relaciónano máis ben co horizonte medieval do xacemento arqueolóxico inmediato coñecido como O Castelo. Un lugar cunhas condicións de control e defensa óptimas para dominar máis de dez quilómetros do discorrer do río Miño”.

Luís Menor, alcalde do Pereiro de Aguiar, visitou o lugar acompañado do estudoso local Fernando Iglesias Ramos, autor dunha monografía publicada este mesmo ano baixo o título “Vilariño, memorias dunha bágoa”. O rexedor apuntaba aos medios que “esta é a primeira das moitas actuacións que temos previstas na zona para converter a ribeira do río Miño que discorre polo noso municipio nun atractivo cultural e turístico. Reivindicándonos unha vez máis como porta de entrada á Ribeira Sacra”.

O equipo do arqueólogo e director da intervención, Martiño Xosé Vázquez, de Xeitura S.Coop.Gal.

Agradeceu o respaldo económico da Deputación Provincial de Ourense para sufragar esta actuación e as diferentes actividades que a acompañan. Así é que os venres 10 e 17 de setembro, en horario de tarde, realizaranse diferentes actividades para implicar á veciñanza – e en especial á mocidade – na investigación, protección e difusión dos restos arqueolóxicos da zona.

Realizarase un exercicio de cartografía participativa e prospección sobre a contorna, procurando identificar novas inscricións ou restos que axuden a comprender a historia do lugar. Para o 25 deste mesmo mes quedará a visita guiada que desta volta farase nocturna para facilitar a lectura da inscrición.

Aqueles maiores de 16 anos que estean interesados en participar nalgunha das actividades previstas simplemente terán que reservar a súa praza enviando un correo-e a sicenatapacata@gmail.com, indicando o seu nome completo, datos de contacto e actividade á que queren apuntarse.